A CNMC quere desregular o mercado dos OMV

venres, 1 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) lanzou unha consulta pública que propón a eliminación, no prazo de 6 meses, das obrigas impostas no ano 2006 a Telefónica, Vodafone e Orange no mercado de acceso a redes móbiles, no que abrigaban aos operadores dominantes a dar acceso razoable ás súas infraestruturas móbiles favorecendo a apertura do mercado e a oferta de servizos dos Operadores Móbiles Virtual (OMV).
A que se debe a iniciativa desreguladora da CNMC? A entidade considera que a existencia duns trinta OMV con modelos de negocio e estratexias diferentes, e cunha cota de mercado conxunta do 10%, supoñen unha situación de competencia que aparenta ser bastante natural, polo que confían en que a eliminación das obrigas impostas previamente non levaría á non renovación dos contratos cos OMV actuais, pois no contorno actual incluso se ten observado como os principais operadores incluso están a competir por captar operadores virtuais.
En calquera caso a CNMC contaría con capacidade de intervención de xeito inmediato no caso de que os operadores móbiles con rede de seu retirasen de xeito inxustificado o acceso á súa rede móbiles aos OMV ou puxeran en práctica estratexias que provocasen a suba dos prezos maioristas de acceso á rede móbil.
A consulta pública estará aberta durante un mes para a presentación de alegacións, proceso tras o que aprobarase un proxecto de medida que remitirase á Comisión Europea, ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e ao Ministerio de Economía e Competitividade, de xeito que para 2017 poderiamos falar do desregulamento do mercado dos OMV.