A Cámara de Representantes dos EE.UU. prohibe o uso de WhatsApp ao seu persoal
martes, 24 de xuño do 2025
A Cámara de Representantes dos Estados Unidos prohibiu a instalación e o uso de WhatsApp en todos os dispositivos oficiais do seu persoal, alegando preocupacións relacionadas coa seguridade dos datos, segundo informou Axios, medio que apunta que WhatsApp foi catalogado como unha aplicación de alto risco debido á súa falta de transparencia na xestión dos datos dos usuarios, a inexistencia de cifrado nos datos almacenados e outras vulnerabilidades potenciais.
A medida enmárcase nun contexto de crecente vixilancia sobre as ferramentas tecnolóxicas empregadas por membros do Congreso, especialmente aquelas que implican riscos de filtración ou uso indebido da información.
A prohibición afecta a todas as versións da aplicación, tanto móbil como de escritorio ou web, e establece que calquera instalación detectada en dispositivos xestionados pola Cámara deberá ser eliminada.
A decisión prodúcese despois doutras restricións impostas a tecnoloxÃas como DeepSeek, as aplicacións de ByteDance, Microsoft Copilot ou mesmo ChatGPT, que só pode empregarse na súa versión de pagamento, ChatGPT Plus. As autoridades recomendan como alternativas seguras ferramentas como Microsoft Teams, Signal, Wickr, iMessage ou FaceTime.
Desde Meta, empresa propietaria de WhatsApp, a reacción non se fixo agardar. O voceiro Andy Stone declarou que discrepan «na forma máis rotunda» coa decisión da Cámara e defendeu que WhatsApp ofrece cifrado de extremo a extremo de xeito predeterminado, unha medida de protección que supera a de moitas das aplicacións autorizadas pola administración congresual.
