A IA levará a que os ordenadores precisen un mínimo de 16 GB de RAM

luns, 22 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Dende TrendForce aseguran que 2024 vai ser un ano marcado polo espallamento da intelixencia artificial aos escritorios informáticos, que estará acompañado por un grande impacto no mercado dos servidores. Deixan claro que cada día imos demandar máis equipos que aparte dos habituais procesadores centrais e procesadores gráficos conten con procesador neural, así como de maior cantidade de memoria RAM, anticipando un importante cambio: aseguran que os ordenadores con capacidades de IA terán que contar cun mínimo de 16 GB de RAM.
Deste xeito temos que os equipos de base xa non serán ordenadores con Windows 11 e 8 GB de RAM, senón que terán que equiparse con 16 GB de RAM para poder correr o Copilot de Microsoft e tirar proveito das súas posibilidades na produtividade corporativa. Durante os vindeiros anos é de prever un incremento da demanda de novos equipos informáticos, para poder adaptarse ás novas necesidades, revitalizando un sector que non está a pasar polo seu mellor momento.

PUBLICIDADE