A Cidade da Cultura lanza un divertido programa online para facer abrollar o talento da rapazada

luns, 30 de marzo do 2020 S. P.

A Cidade da Cultura presentou este luns unha interesante iniciativa lúdica, creativa e cultural para suavizar na medida do posíbel as consecuencias da reclusión forzosa da rapazada, ao tempo que se dá continuidade ao labor docente. Estamos a falar do programa en liña Aventuras no monte das artes, que leva ás nenas e nenos contidos e recursos para “explorar as súas habilidades artísticas a través de xogos e divertidos desafíos”. A iniciativa encádrase na campaña da Consellería de Cultura e Turismo #Aculturasegue.
No programa, a través da personaxe A Raposa Fedella iráselles presentado ás familias (nas redes sociais Facebook, Instagram ou Twitter da Cidade da Cultura) retos vencellados coa pintura, coa arquitectura, coa fotografía ou con outras disciplinas artísticas.
O departamento encargado de dar forma a este programa foi o Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Visitante do Museo Centro Gaiás, que fixo un esforzo por adaptar o miolo do mesmo á contorna pedagóxica que é propia da nosa Educación Primaria.
Co fin de mellorar a experiencia e darlle un meirande impacto (facendo voar o enxeño das nenas e nenos, aproximándoos dende o xogo e o lúdico ás novas tecnoloxías), buscouse que todas as actividades fosen o máis “dinámicas, estimulantes e divertidas posíbeis”.
Aventuras no monte das artes arranca esta semana e os primeiros protagonistas dos desafíos que lanzará A Raposa Fedella serán os misterios do cadro O paraíso terreal de Pieter Brueghel O Novo ou a Biblia Kennicott, entre outras pezas da exposición Galicia, un relato no mundo.
Máis contidos en liña
Aventuras no monte das artes súmase aos contidos en liña que a Cidade da Cultura puxo en marcha ante “a imposibilidade de programación presencial polas medidas de confinamento”, explicou a dirección do complexo do Gaiás (Santiago), engadindo que estes contidos, nos que participan museos, bibliotecas, teatros, arquivos e boa parte do sector cultural galego, estanse a fornecer a través das redes sociais e o cancelo #Aculturasegue. O obxectivo: tirar proveito destas ferramentas en liña co obxecto de achegarlles aos fogares arte, danza, literatura, etc.

PUBLICIDADE