A Comisión Europea sinala agora que non alentará o cobro por chamadas recibidas
venres, 27 de xuño do 2008
Finalmente, semella que as voces de protesta non deron con oídos xordos no que respecta á polémica proposta da Comisión Europea de deixarlles marxe ás operadoras de telefonía para cobrar as chamadas recibidas. En realidade, agás as operadoras e os membros da Comisión que lle deron corpo á dita idea, semella que os días pasados se laiou case todo o mundo. O resultado: deuse un interesante caso de “marcha atrás administrativa” co fin de desbotar que o paquete de iniciativas encamiñadas –no plano teórico- a baixar os prezos da telefonía móbil acabe por alentar entre as empresas do sector o cobro por chamadas recibidas. Segundo se apunta en La Voz, malia a rectificación das instancias europeas, as operadoras non descartan levar a cabo programas deste tipo e que, ao seu punto de vista, se están a realizar con éxito (para o seu interese e para os dos clientes) en países como Estados Unidos.
A xuízo das firmas do sector, o feito de que se teña desbotado a intención concreta de animalas ao cobro por chamada atendida non vai impedir que se faga finalmente. Isto vai ser así, sinalan, porque nas recentes normas anunciadas pola Comisión sobre telefonía se limitaría o prezo que unha firma provedora destes servizos lle pode cobrar a outra polo emprego da infraestrutura no intre en que un usuario recolle un reclamo dun número pertencente á segunda das empresas, custo que tradicionalmente se carga sobre a persoa que fai a chamada. A intención das operadoras é compensar ese límite imposto pola Comisión Europea cun cobro por reclamo atendido.
