A Cooperativa Hoxe, premiada pola súa campaña de publicidade online en galego

martes, 10 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Parlamento de Galicia acolleu este 9 de decembro o acto de entrega dos XXVI Premios de Publicidade en Galego, convocados conxuntamente pola Xunta, a través da Consellería de Cultura e Turismo, polo Parlamento Galego e polo Foro Enrique Peinador co obxectivo de “impulsar e recoñecer proxectos de promoción do uso do galego desde o ámbito publicitario”. Como vén sendo costume, establecéronse cinco categorías para os galardóns: radio, televisión, prensa escrita, Internet e centros de formación de profesionais neste sector. A Cooperativa Hoxe e a axencia Pío García Audiovisuais foron distinguidas na modalidade de comunicación na Rede.
Participaron na entrega os responsábeis das tres entidades impulsoras da convocatoria: Miguel Ángel Santalices, Valentín García e Xosé González.
O secretario xeral de Política Lingüística felicitou os premiados e convidounos a seguir “na súa aposta pola lingua propia de Galicia e a contribuír ao proceso de normalización lingüística desde a publicidade”, xa que “o galego é marca de calidade, denominación de orixe e sinal de proximidade para o consumidor, unha lingua visible e útil nun mercado fortemente competitivo no que cómpre posicionala para gañar, entre todos, a batalla da globalización”, concluíu.
Os Premios de Publicidade en Galego, impulsados ata o ano 2016 polo Consello Asesor de RTVE-G e pola Corporación RTVG, recoñecen na súa convocatoria 2019 accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.
Os traballos premiados nesta edición foron Benvidos Novos Larseiros!, da empresa Larsa e da axencia BAP Conde, na categoría de radio; Martín Códax, Fillo do Atlántico, da empresa Martín Códax e da axencia &Rosás, nas categorías de televisión e de prensa escrita; Queixos Hoxe, da Cooperativa Hoxe e da axencia Pío García Audiovisuais, S.L., na categoría de Internet, e Stop_Bullyng, do IES Leixa de Ferrol na categoría de centro educativo.

PUBLICIDADE