A Coruña será a primeira cidade galega en gozar do 4,5G de Vodafone

martes, 27 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Vodafone España anunciou hoxe o lanzamento comercial do que chaman a tecnoloxía móbil 4,5G, que vén a ser a combinación das funcións avanzada do 4G con Massive MIMO (unha tecnoloxía da que tirará especial proveito o futuro 5G) e que suporá un incremento substancial nas velocidades de descarga e a capacidade da rede para satisfacer as necesidades dos clientes.
A nova tecnoloxía comezou o seu despregamento nas zonas céntricas de Madrid e Salamanca, e tras estas actuacións continuarase coas cidades de Barcelona, Valencia, Málaga, Sevilla, Bilbao, Zaragoza e A Coruña. Estas conexións permitirán velocidades de descarga de até 700 Mbps, o que supón unha importante mellora, aínda que non é menos importante que Massive MIMO permita que a capacidade das celas 4G poidan multiplicar até por 5 a súa capacidade (permitindo atender a demanda dun maior número de usuarios na mesma zona).
Até o momento son poucos os smartphones que poden aproveitar estas novas velocidades (os Samsung Galaxy S8 e S8+ e o Sony Xperia XZ Premium) pero o catálogo de teléfonos compatibles co 4,5G irá medrando paulatinamente para que cada vez sexan máis os consumidores que podan gozar das novas velocidades de rede.
Actualmente a rede 4G de Vodafone en España chega ao 96,65% da poboación e está presente nuns 4.500 municipios, dos que máis de 1.000 gozan da tecnoloxía 4G+, con velocidades de até 350 Mbps.

PUBLICIDADE