A Coruña somérxese no xogo en realidade virtual

luns, 14 de xullo do 2025 Marcus Fernández

O pasado mes de xuño A Coruña foi unha das sedes da VR League 2025, unha competición de deportes electrónicos en realidade virtual organizada por Zero Latescy. A cita tivo lugar nas instalacións que teñen en Hi Coruña, inaugurado o pasado setembro como o primeiro centro de realidade virtual de inmersión libre de Galicia, do que quixemos falar co seu responsable de comunicación, Fran Riveiro, para saber máis.

— Podes explicarnos que é exactamente Zero Latency?
— Zero Latency é unha franquía internacional de realidade virtual que abriu as súas portas na Coruña no pasado mes de setembro. A diferenza da realidade virtual doméstica, aquí trátase dunha experiencia inmersiva nun espazo amplo e sen cables, onde os xogos están deseñados especificamente para este sistema. Hai títulos moi variados, como Far Cry, Warhammer 40.000: Space Marine, Outbreak ou Sol Raiders, que é no que estamos máis centrados agora. A maioría son cooperativos, pero hai opcións competitivas por equipos. A vantaxe é que reunir catro ou seis persoas para xogar é moito máis doado que montar un partido de fútbol. E se chove, non pasa nada: estás baixo teito.
Amais, ao ser unha experiencia sen fíos, móveste libremente en xogos con ou sen armas, nunha experiencia difícil de describir con palabras. Hai que vivila!

— Que vos levou a traer esta experiencia á cidade da Coruña?
— O promotor principal do proxecto foi Juan Sanjuan, que xa traballaba no sector das cabinas holográficas e viu a oportunidade de introducir unha experiencia de alta calidade nunha cidade como A Coruña, que aínda non contaba con algo semellante. A partir de aí, e vendo o éxito noutras cidades como Barcelona, Madrid ou Zaragoza, apostouse por abrir aquí.

— Que tipo de público se achega a Zero Latency? É máis ben mozo ou hai tamén adultos?
— Pois é un público moi diverso. Adoitan vir grupos de xente nova, pero tamén adultos de máis de 40 anos. Hai incluso turistas que veñen dun cruceiro e repiten varios días seguidos. Depende moito do perfil persoal máis que da idade: hai xente que vén pola parte máis visual e narrativa dos xogos, e outros que buscan acción directa. Tamén veñen familias, pais cos seus fillos... Algúns xogos son máis suaves, como Imaginarium, e outros máis intensos, como os de matar zombis. É unha forma de lecer alternativa a outras como o escape room, o fútbol ou o baloncesto, con ese engadido de poder sentirte un Space Marine de tres metros matando tiránidos.

— Sería máis comparable cunha partida de paintball ou airsoft que cunha sala de realidade virtual tradicional?
— Si, sen dúbida. No caso de Sol Raiders, por exemplo, é un xogo competitivo por equipos que lembra moito ao paintball ou ao laser tag, pero coa vantaxe da realidade virtual: estás no mesmo espazo físico, pero o xogo pode facerte sentir que estás nun terceiro andar lonxe dos teus amigos (cando realmente estás a dous metros) ou en escenarios futuristas. É unha experiencia máis dinámica que poñerse unhas gafas e quedar quieto nun recuncho.

— E que nos podes contar sobre a Sol Raiders VR League? Por que decidistes participar?
— Sol Raiders VR League é unha iniciativa que naceu en Luxemburgo hai tres anos. Alí levaban tempo con grupos habituais de xogadores e decidiron crear unha liga. Este ano, por primeira vez, a final internacional celebrouse fóra de Luxemburgo, en Madrid, coa participación de equipos de Luxemburgo, Viena, Madrid, Bilbao… e tamén da Coruña.

— Como ves a relación entre os e-sports tradicionais e a realidade virtual? É posible facer directos de partidas de VR?
— É máis complexo ca noutros formatos, pero si, é posible. Por exemplo, o torneo que fixemos pode verse en YouTube. A dificultade está en que non se pode xogar e retransmitir ao mesmo tempo con fluidez, así que adoita combinarse a captura do xogo coa gravación en vídeo da sala. Para contidos de redes sociais, como Instagram ou YouTube, resulta moi atractivo, sobre todo se está ben editado. A realidade virtual aínda non encaixa tan facilmente co formato de streaming clásico de Twitch.

— Xa que falamos de e-sports, tamén estás involucrado na StarFest. Que é exactamente?
— StarFest é unha iniciativa que promovemos desde StarUP. É un evento que busca recuperar o espírito social do videoxogo presencial, como os antigos cibers ou salóns recreativos, e combinalo co mundo competitivo actual. Tamén queremos que sexa un espazo de encontro, onde xente que adoita xogar en liña poida verse en persoa. A edición deste ano celebrarase o 19 e 20 de xullo, no Liceo La Paz, porque o lugar previsto inicialmente vai estar en obras.

— Tedes máis actividades previstas no calendario?
— Si, a idea é consolidar a StarFest sempre na fin de semana anterior ao 25 de xullo. Ademais, xa fixemos un evento que chamamos StarCon, mesturando videoxogos, cosplay, xogos de mesa, K-pop... Tamén organizamos torneos máis pequenos para manter viva a comunidade local, malia que aínda non contamos cun espazo físico fixo para facer actividades regulares. Por iso colaboramos con locais como o Meliora, na rúa Orzán, onde fixemos un torneo de Smash Bros.

— E en StarUP, ademais destes eventos, que máis facedes?
—Iniciativas como Furancho Dates, un programa tipo First Dates pero ao noso xeito (co influente Gabi García), e incluso traballos audiovisuais con deportistas locais como Adrián López Piscu. Facemos un pouco de todo. O foco está nos videoxogos e a tecnoloxía, pero tamén colaboramos en proxectos audiovisuais, producións de contido, redes sociais... Se hai que organizar, gravar, montar ou producir algo, alí estamos.