A Deputación da Coruña homenaxea a Rosalía este xoves nas redes sociais

mércores, 22 de febreiro do 2017 Redacción

A Deputación da Coruña sumouse de cheo ás celebracións do Día de Rosalía de Castro (este 24 de febreiro), festexos impulsados pola AELG e que, como lembramos os días pasados dende Código Cero, teñen un piar posto nas redes sociais. Esta vertente a cabalo entre o tradicional e o innovador tamén está presente nas actividades previstas pola entidade provincial coruñesa. De feito, a área de Cultura da Deputación ten programado un tributo, #quenforapedra, para desenvolver ao pé do monumento a Rosalía da Alameda de Santiago. Agasallarase o libro Quen fora pedra (que recolle unha investigación de Miguel Anxo Seixas sobre a historia da estatua) e desenvolverase unha sesión colectiva de fotografías a carón da estatua para logo seren publicadas nas redes sociais coas etiquetas #quenforapedra e #Rosalía1917_2017.
A cita será este xoves 23 ás 12.00 horas. O motivo? Homenaxear a nosa senlleira escritora (no 180 aniversario do seu nacemento) da maneira máis participativa e sen perder de vista as novas canles de comunicación (achegando un claro reclamo para as novas xeracións). Participarán no acto o presidente e a vicepresidenta da Deputación, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Contarase coa actuación musical do grupo Habelas Hainas, que interpretará diversos temas de Rosalía de Castro, e a lectura de poemas por parte de rapazas e rapaces de distintos institutos de secundaria da cidade de Santiago de Compostela. O acto tamén servirá para celebrar o século de “vida” do monumento compostelán adicado a Rosalía.

PUBLICIDADE