A Deputación da Coruña levou a APADER Cedeira o programa inmersivo Mergullando sen nos mollar
luns, 2 de febreiro do 2026
Ao abeiro das súas políticas de inclusión e educación ambiental nas entidades sociais, a Deputación da Coruña deu continuidade a semana pasada ao programa Mergullando sen nos mollar, unha iniciativa que achega o coñecemento do medio mariño ás persoas con discapacidade mediante o uso de tecnoloxía de realidade virtual.
No marco deste programa, desenvolveuse o xoves 29 unha nova sesión na Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual APADER de Cedeira, coa visita da deputada Rosa Ana García ás instalacións da entidade.
A actividade permitiu ás persoas usuarias exploraren os fondos mariños galegos a través de imaxes en 360 graos, nunha experiencia inmersiva, accesible e adaptada ás súas necesidades.
Durante a visita, Rosa Ana García puxo en valor "o papel fundamental que desempeñan as entidades sociais no territorio", incidindo no apoio que lles presta a Deputación para mellorar as súas instala os servizos que prestan ás persoas usuarias. Un traballo que se completa con iniciativas lúdicas e formativas como a de hoxe, segundo afirmou a deputada, que subliñou que "a aplicación da tecnoloxía á educación ambiental permítenos avanzar cara a modelos de accesibilidade e adaptados á diversidade, favorecendo a participación plena das persoas con discapacidade en experiencias formativas e de sensibilización".
O programa Mergullando sen nos mollar está a desenvolverse en distintos centros de entidades sociais da provincia da Coruña, adaptando a súa duración e contidos ás características de cada entidade, co obxectivo de garantir unha experiencia plena e sen barreiras.
Mergullando sen nos mollar ofrecerá ás persoas con discapacidade de dez centros da provincia da Coruña a posibilidade de explorar os fondos mariños de Galicia mediante gafas de última xeración de realidade virtual. Quen participe vivirá unha experiencia realista nos ecosistemas submarinos máis representativos da nosa costa: bosques de argazos movéndose coas correntes, zonas de bateas con centos de cordas penduradas cheas de mexillóns, polbos e outros animais, agochados nos ocos das formacións rochosas, espirógrafos, estrelas de mar, etc.
“Ademais do compoñente lúdico, a actividade ten un importante valor educativo”, informou a Deputación, engadindo que “ao longo de todo o percorrido virtual, as persoas participantes coñecerán aspectos claves da fauna e flora mariña galega, do papel dos ecosistemas costeiros e da importancia de conservar os océanos”.
