A Deputación de Lugo licitou a contratación do servizo dunha oficina de ciberseguridade

venres, 21 de xuño do 2024 S. P.

O Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación, por 380.290,80€, do contrato para a prestación do Servizo de Teleasistencia domiciliaria as 24 horas que que ofrece a institución provincial. Ademais, aprobouse tamén a gratuidade da primeira matrícula nos graos superiores do Centro de Formación en Audiovisuais da Deputación e máis a licitación para a contratación do servizo dunha oficina técnica de seguridade da información e protección de datos.
Teleasistencia
A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, informou que a empresa adxudicataria da asistencia a distancia da institución provincial é Servizos de Teleasistencia SA e a duración do contrato será de 1 ano coa posibilidade de prorrogalo de forma anual 3 veces máis, ata un máximo de 4 anos. A deputada explicou que grazas a este servizo, a Deputación garante atención domiciliaria gratuíta as 24 horas, os 365 días do ano, a cerca de 2.000 veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia que teñen dificultades na súa autonomía. Apuntou tamén que a Teleasistencia “é unha forma de favorecer a permanencia, o arraigo e a integración no entorno familiar e social destas persoas, sobre todo no rural”, porque os usuarios deste servizo e as súas familias “viven con máis tranquilidade, pois saben que contan cun sistema de chamada para recibir atención en calquera momento”.
Primeira matrícula gratuíta nos graos superiores de Audiovisuais
A Xunta de Goberno aprobou tamén, “como todos os anos”, a gratuidade da primeira matrícula dos ciclos formativos de grao superior que imparte o Centro de Formación de Audiovisuais da Deputación de Lugo. “A gratuidade é para os ciclos de Realización e Produción, e no caso do alumnado repetidor, a tarifa sinalada e vixente continúa sendo de 600€”, explicou García Porto. Detallou a Deputada que “este centro é o único da provincia que imparte ensinanzas superiores de Audiovisuais” e lembrou que o prazo de preinscrición para o curso que vén xa está aberto ata o vindeiro 5 de xullo. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude de xeito presencial na sede do centro (na rúa Frei Plácido Rei Lemos, en Lugo) ou de xeito telemático a través do apartado de Audiovisuais da páxina web da Deputación de Lugo. A matrícula poderá realizarse do 17 ao 22 de xullo e no caso de que queden prazas sen cubrir, abrirase un período de matrícula extraordinaria desde o 23 xullo ata completar o número total.
Oficina técnica para reforzar a seguridade informática
O Goberno provincial lucense aprobou tamén a licitación para a contratación do servizo dunha oficina técnica de seguridade da información e protección de datos. A institución inviste 399.300€ na contratación deste servizo, que terá unha duración de 2 anos, coa posibilidade dunha prórroga anual. “Trátase dun contrato que fixemos por primeira vez o ano pasado e agora tratamos de darlle continuidade”, explicou Pilar García Porto, engadindo que o que se pretende con este servizo “é reforzar a seguridade da Deputación de Lugo a nivel de sistemas de información, establecendo novas medidas de seguridade nos sistemas informáticos que completan as que xa temos”. E engadiu:“Queremos que a seguridade TIC sexa unha parte integral e transversal á Deputación, porque consideramos que protexernos das ameazas e os ciberdelitos é algo moi importante no traballo diario da Administración, pola información, ás veces moi sensíbel, que manexamos”.
Lembrou os pasos que a institución provincial deu estes anos en materia de ciberseguridade, como formar parte de CIBER.gal (no que coa Xunta e o resto de deputacións de Galicia fan fronte común para garantir a Ciberseguridade das Administracións), aprobar unha nova política de seguridade ou a creación dun comité de Seguridade da Información.
Este servizo incluirá xornadas formativas e de concienciación en materia de seguridade para os traballadores, auditorías internas e a creación dunha oficina de apoio e un servizo de resposta ante ciberincidentes.

PUBLICIDADE