Roberto Rodríguez (Dathum): “Os datos permiten tomar as decisións máis óptimas na xestión das persoas"
xoves, 20 de xuño do 2024
A Cidade das TIC da Coruña vai acoller o 28 de xuño, en horario de 12.00 a 13.45 horas, un evento formativo gratuíto de gran interese para as empresas e os profesionais dos sectores innovadores: a xornada Ciencia de Datos e comportamento humano aplicados á xestión das persoas. A cita vén da man das empresas Vitae Consultores, Optare Solutions e Dathum. Para coñecer algo máis dos contidos e obxectivos desta xornada puidemos falar con Roberto Rodríguez, director executvio (CEO) de Dathum, un dos relatores da sesión formativa xunto con Marcos Carbonell (Vitae) e Luis Sestelo (Optare). Segundo explica, o abano de posibilidades da Ciencia de Datos nas empresas é amplo e diverso: permiten ás empresas tomar as decisións máis óptimas en cuestión de perfís, mellorar o negocio e ser máis sustentábeis e éticas.
-Roberto, vas a impartir xunto con Marcos Carbonell e Luis Sestelo, na Cidade das TIC, unha actividade formativa centrada na ciencia de datos e na xestión de persoas. Cales son as liñas básicas desta xornada? Por que cres que pode ser relevantes para os profesionais das novas tecnoloxías e da innovación en xeral?
-A idea é comentar todo o que estamos a facer no ámbito da algoritmia aplicada á xestión de persoas e á medición do seu impacto no negocio. O obxectivo do noso traballo é a creación e o desenvolvemento de toda unha metodoloxía que nos permita darlle un enqie 100% científico a este campo que se foi quedando atrás a nivel de sofisiticación nas organizacións. Ademais o papel de todo isto no mundo da tecnoloxía é fundamental. As empresas que traballan con estes perfís son conscientes da complexidade de que estas persoas atopen sentido ao seu traballo ao longo do tempo. Na sesión poderemos ver como medir isto, como tomar decisións obxectivas baseados en modelos preditivos que capacitan ás empresas para saber que lle podería pasar a unha persoa nun determinado contexto.
-Polo tanto, a Ciencia de Datos será por así dicilo o quid da cuestión desta xornada: as súas aplicacións para mellorar a xestión de persoas nunha empresa. Dános algún exemplo concreto de como pode contribuír a Ciencia de Datos ao día a día da xestión profesional, á fichaxe de talentos, á organización de grupos e equipos, etc...
-Basicamente os datos permitirannos tomar as decisións máis óptimas no tempo para encaixar aos perfís de cada persoa co contexto máis adecuado, pero sobre todo permitirannos medir o impacto de todo isto en parámetros de negocio. Na sesión veremos por exemplo o impacto que ten o compromiso no EBITDA das empresas que se dedican a este tipo de actividades.
-Outra das cuestións clave do curso serán as posibilidades que introduce neste ámbito a aplicación Dathum, da que es un gran coñecedor. Como funciona e que vantaxes pon en xogo?
-Funciona dunha maneira moi sinxela, respectando o tempo e a confidencialidade do empregado, empoderando aos xestores para facer mellor o seu traballo e axudando a entender ás empresas como construír contornas humanamente sostíbeis... e todo iso cun claro enfoque en modelos éticos que potencien a estes catro interlocutores: empregado, sociedade, xestores e compañías.
-Ten potencial para facer algo tan simple é á vez tan complexo como espertar a motivación e a ilusión dos nosos equipos de traballo?
-Por suposto, pero isto faino desde a xeración de datos, información e coñecemento para xestores e membros dos equipos. É aí onde reside a clave. Achegar solucións sinxelas, rastrexábeis no tempo e cunha base 100% científica. O obxectivo é descentralizar a xestión de persoas a quen realmente realiza este rol, do mesmo xeito que dotamos aos xestores de datos financeiros, operativos, comerciais,... para que fagan mellor o seu traballo, é vital que os dotemos de datos con moita calidade para xestionar ás persoas de maneira adecuada
-É verdade que tamén nos pode axudar a predicir comportamentos e evitar futuros problemas estruturais ou de comunicación nos equipos profesionais que precisamos formar?
-O desenvolvemento de todos os modelos cos que traballamos habilitan ás compañías con esa capa de analítica preditiva, pero non quedamos aí, por enriba de todo iso desenvolvemos unha capa prescriptiva que nos permite achegar solucións a esas predicións para evitar escenarios futuros indesexábeis.
-Cres que ferramentas como Dathum marcan o camiño a seguir da xestión empresarial?
-Sen dúbida. O obxectivo é xerar un estándar de mercado que permita aprender e comparar en todo tipo de compañías e culturas a nivel mundial. Estes modelos habilítannos para que, nun futuro moi próximo, poidamos empezar a desenvolver redes neurais que xeren unha aprendizaxe exponencial, redundando en contornas laborais perfectamente adaptadas ás características dos equipos. Sen dúbida, aí reside a rendibilidade do futuro.