A EGAP, AMTEGA e o CPEIG formarán aos empregados públicos en eAdministración
luns, 19 de agosto do 2019
A
transformación tecnolóxica da Administración galega é unha
transformación en sentido duplo e multidireccional: impulsa e atinxe
a formación dixital da cidadanía para tirarlle proveito aos novos
servizos e, tamén, a do propio corpo de traballadoras e
traballadores públicos. En
base a isto, a Escola Galega de Administración Pública convocou
unha nova edición do Curso superior de Administración
Electrónica en colaboración coa Axencia para
a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
O
obxectivo é afondar, “dende unha perspectiva técnico-xurídica e
cunha importante parte práctica”, na concepción da Administración
Electrónica, incidindo “na relevancia que ten a súa implantación
nos diferentes entes públicos da nosa Comunidade”. Os contidos do
programa analizarán desde distintos enfoques o fenómeno da
eAdministración para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus
coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este
curso superior, que servirá para dar formación a 80 empregados
públicos, celebrarase entre o 24 de setembro e o 22 de outubro e
será impartido na modalidade semipresencial, con 30 horas
presenciais en Santiago de Compostela e 84 en teleformación.
As
entidades organizadoras da actividade engade é unha acción de balde
e que vai dirixida ao persoal empregado público da Administración
autonómica e das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de
Galicia que pertenzan ao grupos A1 e A2 do persoal funcionario ou aos
grupos I e II do persoal laboral. A presentación de solicitudes
estará dispoñíbel na zona de matrícula da EGAP
(https://egap.xunta.gal/matricula)
até o 16 de setembro.