A Fundación TIC esgota as 877 prazas dos seus novos cursos para maiores

luns, 18 de setembro do 2017 Redacción

A Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, vén de informar do seguimento que está a despregar a cidadanía arredor dos cursos (64 cursos e obradoiros de balde, 21 accións máis ca na anterior tempada) que achega a entidade para este terceiro trimestre de 2017. Segundo informou a fundación, xa se esgotaron as 877 prazas ofertadas a través de InLugo, ao abeiro da programación para a recta final de 2017. Esta mesma semana, como fixemos saber dende Código Cero, presentouse o programa de actividades de novas tecnoloxías destinadas aos lucenses de máis de 55 anos, nas que se inscribiron 1.788 persoas. Os cursos xa arrancaron este mércores, participando nos mesmos 41 persoas durante a primeira semana.
Segundo informa a Deputación de Lugo, os obradoiros que se imparten son de diversa duración. Así, 37 serán de dous ou tres días, mentres que os outros 27 terán unha duración dun día. Estes últimos, que se impartirán os luns pola mañá e pola tarde e os venres pola mañá, están especialmente dedicados ao reforzamento de coñecementos tecnolóxico-dixitais, e precisarán de inscrición previa para cabida a todos os demandantes e poder distribuímos nos correspondentes días.
Como novidade este ano, a Deputación de Lugo salientou que o medre na programación dos cursos con máis demanda, os do uso do móbil e de Internet. Pasarase de dúas a tres edicións, tanto do primeiro nivel como do segundo. Ademais hai obradoiros destinados á mellora da memoria e das habilidades cognitivas e psicomotrices, como os de Xbox ou Wii, que fomentan este tipo de exercicios mentais. Tamén haberá 8 obradoiros de memoria. Por outra banda, dentro da programación os maiores da provincia poderán elixir entre talleres de redes sociais, correo electrónico ou uso de Whatsapp, entre outros.

PUBLICIDADE