A Fundación Telefónica renova o seu espazo de demostracións de realidade virtual

martes, 16 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A partires de hoxe e até o remate do ano (cun descanso entre o 17 de xullo e o 9 de setembro) a Fundación Telefónica manterá aberto en Madrid o seu Espacio Relidad Extendida (Espacio XR), para o que é posible adquirir entradas de balde a través de Ticketea, de xeito que calquera cidadán pode acceder así a coñecer en primeira persoa as tecnoloxías actuais e os contidos que poden gozarse coa realidade aumentada, virtual e mixta.
Este proxecto naceu en 2016 como un centro de demostración de realidade virtual, pero foi ampliando os seus contidos, de xeito que en 2018 renóvase como un espazo de realidade estendida, co que pretenden abordar as tres variedades mencionadas desta tecnoloxía baseada en cascos estereoscópicos. Neste curruncho será posible probar as tecnoloxías de Oculus, Samsung, HTC, PlayStation, Google, Microsoft, Asus, Lenovo, LG, HP, Dell, Acer e Magic Leap, entre outros, e incluso reserva un horario (de martes a venres de 10:00 a 14:00 horas) a empresas, para que poidan coñecer as posibilidades desta tecnoloxía nos seus respectivos sectores.
No Espacio XR poden probarse dende o cascos de realidade virtual que precisan dun smartphone para funcionar, até os potentes equipos baseados en ordenadores persoais, pasando por usos máis lúdicos como a PlayStation VR ou incluso o sistema de realidade aumentada Star Wars: Jedi Challenges de Lenovo, que polo momento non está dispoñible comercialmente en España.
Aparte do espazo para demostracións a Fundación Telefónica tamén organizará eventos e obradoiros ao redor desta tecnoloxía.

No Espacio XR poderanse probar os Star Wars: Jedi Challenges

Vídeo de presentación do Espacio XR

PUBLICIDADE