A Illa do Pensamento achegarase á divulgación científica

xoves, 18 de agosto do 2011 Redacción

San Simón, a Illa do Pensamento, acollerá entre os vindeiros días 26 e 28 de agosto o encontro Testemuñas do Futuro, que reúne neste arquipélago da ría de Vigo a un grupo formado por algúns dos divulgadores científicos máis relevantes do panorama español.
O foro, organizado pola Fundación Illa de San Simón e pola Axencia Galega de Industrias Culturais, AGADIC, está coordinado por Ramón Núñez Centella, director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, que levará a batuta nun debate ao máis alto nivel sobre a percepción e a predición do futuro tecnolóxico, ecolóxico, climático, demográfico, enerxético ou xenético. Como pode afectar internet ás universidades, ao traballo, á medicina?, Somos conscientes ou culpables, ou responsables?, Como se manifesta o futuro? Como sabemos se ten chegado?... Son algunhas das preguntas ás que os científicos e xornalistas especializados presentes no encontro tratarán de dar resposta ao longo de tres sesións de traballo nas que se proporán diferentes opcións para o debate, que abarcarán desde as ferramentas para predicir o futuro ata os cambios que se aveciñan na educación, a medicina, as leis, a economía, as relixións, o futuro xenético da especie ou o fin da humanidade.
Estas cuestións serán analizadas por destacados científicos e investigadores como José Manuel Sánchez Ron (físico e catedrático de Historia da Ciencia na Universidade Autónoma de Madrid), Miguel Ángel Quintanilla (catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia da Universidade de Salamanca), Cayetano López Martínez (catedrático de Física Teórica da Universidade Autónoma de Madrid) ou Javier Quesada Ibáñez (catedrático de Fundamentos da Análise Económica da Universitat de València). Tamén acudirán divulgadores e xornalistas especializados da talla de Luis Ángel Fernández Hermana (director do Laboratorio de Redes Sociais de Innovación), Malen Ruiz de Elvira Zubizarreta (xornalista científica), ou Antonio Calvo Roy (presidente da Asociación Española de Comunicación Científica).
As xornadas vincúlanse simbolicamente á figura e ao legado de Julio Verne, tomando o relevo a un dos grandes visionarios da historia no relativo aos avances tecnolóxicos que habería de acadar a humanidade. Verne é unha das iconas da Illa de San Simón, pola alusión na súa obra Vinte mil leguas de viaxe submarina aos galeóns afundidos na Ría de Vigo, no contorno do arquipélago. De feito, o acceso marítimo á illa está presidido por unha orixinal escultura do escritor.
O encontro será retransmitido por streaming a través da canle San Simón TV, á que se pode acceder a través da páxina web da Fundación Illa de San Simón. Tamén se realizará un completo seguimento en Twitter, desde a conta @illasansimon e co hastag #TestimoniosFuturo.