A LaconNetwork amosará a súa face máis rural na súa edición 50ª

luns, 26 de maio do 2014 Marcus Fernández

O encontro gastronómico dos últimos venres de cada mes que xunta a profesionais e emprendedores do sector tecnolóxico galego, a LaconNetwork, celebrará o vindeiro venres a súa edición número 50 elixindo como marco un enclave totalmente oposto os eventos nos que se celebran os aniversarios desta iniciativa, de xeito que teremos unha das edicións máis rurais en La Casa de la Aldea no concello de Oza-Cesuras (podendo localizarse as instalacións coa axuda de Google Maps), onde poderán degustarse os mellores manxares ecolóxicos.
Durante este xantar que botará a andar ás 14:30 horas poderán probarse empanadas de variados recheos, tortilla de varias especializades, montaditos de queixo fresco, distintas variedades de queixo galego, chourizo caseiro, salchichón galego, pan de trigo, melindres, bica de Ourense, manteigadas, café de pota e incluso menús e sobremesas aptas para veganos. A media tarde tamén serviranse pinchos de froita e, de ser posible, cuncas de amorodos.
Para poder participar nesta xornada que mestura gastronomía con networking de profesionais do sector TIC é preciso inscribirse, satisfacendo os 20 euros que sufragarán o xantar.