A Mesa pola Normalización Lingüística insta á Xunta a galeguizar a telefonía móbil

mércores, 15 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Carlos Callón amosando o seu móbil en galegoA Mesa pola Normalización Lingüística insta á Xunta de Galicia a negociar coas operadoras de telefonía móbil para que ofrezan con normalidade a opción do galego en tódolos seus servizos e que non exclúan este idioma na súa publicidade en Galicia.
Dende a Mesa destacan que o galego é “a lingua do Estado máis atrasada na telefonía móbil e responsabilizan á Xunta disto, pois a Administración galega “debe utilizar a importantísima capacidade negociadora que lle dá a súa facturación millonaria en telefonía móbil”. Carlos Callón, presidente da Mesa, tamén engade que deben “garantir que toda persoa que queira ter os servizos telefónicos con normalidade poida ter tal opción”.
Entre outras cousas, Callón denuncia que “dende os móbiles da Xunta non se poden realizar xestións con Movistar en galego”, situación que considerou “aberrante”, polo que marcaron o mes de marzo como data para que a Xunta galeguice a telefonía móbil e, de non facelo, sería a propia Mesa pola Normalización Lingüística a que tomaría medidas para remediar o asunto (agrupando a usuarios das operadoras de telefonía que queiran recibir atención en galego, e ameazando con trasladalos ás compañías que se galeguicen).
A Mesa tamén reclama a pouca dispoñibilidade de terminais telefónicos en galego, e indicaron o caso duns novos terminais de Nokia con MP3 incorporado que terán opción de castelán catalán e vasco, mais non de galego, no que denuncian que se trata dun acto de pasividade do departamento de Política Lingüística dependente da Presidencia da Xunta.