A Mesa reclama á Xunta que a web e os materiais de Adestra a túa saúde estean en galego
xoves, 27 de novembro do 2025
A Mesa pola Normalización Lingüística trasladoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, as queixas recibidas a través da aplicación A Liña do Galego sobre a ausencia da nosa lingua nos materiais e na web do proxecto Adestra a túa saúde, poñendo como exemplo o Plan autonómico de prescripción de actividad física y ejercicio físico orientado a la salud, só dispoñible en castelán.
A vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, lembrou ao vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, “que o Estatuto de Autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que a lingua propia de Galiza é o galego” e que os poderes públicos “garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa”.
Como lembraremos, A Liña do Galego é un servizo gratuíto da Mesa pola Normalización Lingüística para presentar queixas ou parabéns sobre os dereitos lingüísticos en Galicia.
A Liña do Galego dispón dun número de teléfono, dun correo electrónico e dunha aplicación móbil para Android e Apple nos que tramita queixas en relación con institucións, empresas e outras entidades que vulneran os dereitos lingüísticos e incumpren acordos e lexislación nacional, estatal e internacional en materia lingüística. Tamén apoia e recoñece a quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego.
