A Noite da Enxeñaría en Informática celebra os 10 anos do CPEIG

venres, 16 de xuño do 2017 Redacción

“Compartimos unha gran profesión. Unha profesión que está cambiando o noso mundo a unha velocidade sen precedentes “, comentou o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, no seu discurso na entrega dos galardóns do ente colexial. Preto de 400 persoas asistiron á novena edición da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela.
“Moitas veces din de nós, os enxeñeiros en informática, que somos asociais. Eu creo que temos a profesión máis social e capacitada para entenderse con todas as demais que existen. E é que o ingrediente máis importante da fórmula do éxito é saber levarse ben cos demais”, comentou o presidente do CPEIG, colexio que no presente ano fai 10 anos de vida.
O evento TIC reuniu a colexiados, patrocinadores, empresarios, os reitores da USC e UDC, Juan Viaño e Julio Abalde, respectivamente, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, a directora da Amtega, Mar Pereira, decanos e directores das facultades e escolas de Enxeñaría en Informática, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, e secretarios xerais do Goberno da Xunta, entre outros.
A informática, ferramenta democratizadora
No seu discurso, o representante dos enxeñeiros informáticos referiuse á informática como “tal vez, a ferramenta máis democratizadora creada polo ser humano e que é fundamental aproveitala para construír unha sociedade da información centrada na persoa, inclusiva e onde todos poidan crear, acceder, utilizar e compartir a información e o coñecemento”.

PREMIADOS

A gala, presentada por Xosé Touriñán, contou coa actuación do Mago Tamariz, e constou dun cóctel de benvida e a entrega dos seguintes galardóns:
PREMIO PROXECTO FIN DE CARREIRA/MÁSTER: Roberto Carracedo Varela polo proxecto LogShock: sistema de monitorización e control da suspensión axustable dun vehículo”.
PREMIO INICIATIVA EMPRENDEDORA: ex aequo para as empresas galegas de dimensión internacional Linknovate Science e Situm Technologies
PREMIO INICIATIVA DA ADMINISTRACIÓN: Deputación Provincial de Ourense pola iniciativa “Ourense Provincia Intelixente”.
PREMIO INICIATIVA EMPRESARIAL: a entidade financeira ABANCA.
PREMIO TRAXECTORIA PROFESIONAL: Andrés Xavier García-Rodeja Fraga, director do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC Technology en Galicia.
PREMIO e-INCLUSIÓN: A Cruz Vermella polo seu sistema de teleasistencia.
PREMIO ADA BYRON: María José Talavera, directora xeral de VMware Iberia.
COLEXIADA DE HONRA: Mar España Martí, directora da Agencia Española de Protección de Datos. Por problemas de axenda, Mar España non se puido desprazar a Santiago de Compostela e un colaborador dela recibiu o galardón no seu nome.

PREMIOS DEZ ANOS CONECTAD@S

Nesta edición, entregáronse tamén os galardóns 10 anos Conectad@s, en recoñecemento a persoas que nesta década de vida apoiaron ao CPEIG en distintas iniciativas e desde diferentes vertentes.
- Mar Pereira: A directora da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). En recoñecemento ao apoio continuo ao sector TIC e ao CPEIG nas súas múltiples iniciativas
- Susana López Abella: A secretaria xeral de Igualdade loita contra a fenda dixital de xénero mediante a organización de cursos de alfabetización dixital en colaboración co CPEIG.
- Víctor Salgado Seguín: Avogado especializado en Dereito Informático desde 1997. Socio do despacho Pintos&Salgado. Colabora como relator en distintas xornadas organizadas polo CPEIG.
- María José Rodríguez Malmierca: Responsable da Área de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). Coordinadora do proxecto ICT- Go-Girls! Con este galardón o CPEIG premia o traballo de promoción das TIC para o futuro profesional e académico das máis pequenas.
- Sonia Rodríguez- Campos: A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), polo impulso á formación TIC para todos os estratos da función pública.

PUBLICIDADE