A PS Portal ábrese ao xogo na nube

martes, 19 de novembro do 2024 Marcus Fernández

O dispositivo PlayStation Portal, que permite o xogo a distancia á PlayStation 5, está a recibir unha actualización do seu software de sistema que, aparte de mellorar a experiencia de audio, tamén inclúe unha versión beta dunha nova función que os usuarios estaban pedindo dende o primeiro día: a posibilidade de poder gozar do xogo na nube en PS Portal.
A nova función non precisará que teñamos a nosa consola PlayStation 5 acendida para gozar dos xogos de PlayStation Plus Premium, xa que poderán xogarse directamente dende a nube, aínda que nesta proba o streaming de xogos limitarase a determinados títulos de PS5 do catálogo de PlayStation Plus.
Nun principio aseguran que a PS Portal poderá gozar de máis de 120 xogos de PS5 incluídos en PS Plus como Ghost of Tsushima, Marvel’s Spider-Man: Miles Morales, Monstar Hunter Rise e Ratchet & Clank: Una dimensión aparte, que poderán gozarse até en Full HD a 60 imaxes por segundo, contando coas funcións do mando sen fíos DualSense como a retroalimención háptica, os gatillos adaptativos, os altofalantes, o panel táctil (emulado na pantalla táctil da PS Portal) e o sensor de movemento, así como tamén do almacenamento na nube de PlayStation Plus.
Durante esta fase de proba non será posible acceder a probas de xogos, a xogos comprados na PlayStation Store e algunhas outras funcións (dependendo de cada xogo), tendo que salientarse que os títulos de PS4 e PS3 non son compatibles con esta nova modalidade de xogo na nube.