A PlayStation VR2 baixará de prezo en marzo

xoves, 27 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

En febreiro de 2023 chegou ás tendas a solución de realidade virtual para PlayStation 5, a PlayStation VR2, cun prezo oficial de 599,99 euros, e pouco máis dun ano despois comentouse que Sony suspendera a produción dos dispositivos de realidade virtual ante a acumulación de existencias, polo que a percepción que se ten no mercado é que o produto é un fracaso igual de rotundo que a primeira xeración de PS VR, o que desanima aos estudios a lanzar videoxogos para a plataforma, pechando un círculo vicioso.
Como un xeito de relaxar esta situación anuncian que no mes de marzo van mudar os prezos de venda ao público de PS VR2, que quedará en 449,99 euros tanto para a versión básica de PS VR2 como para o lote que inclúe un cupón de descarga para Horizon Call of the Mountain.
Sony tamén lanzou un adaptador para poder aproveitar o visor de PlayStation VR2 en PC, o que semella a constatación do mal funcionamento de PS VR2 en PS5, de xeito que buscan novos xeitos de amortizar un accesorio ao que resulta difícil tirar proveito ante a ausencia de software interesante, algo que non parece que vaian solucionar os poucos títulos anunciados para os vindeiros meses (como Hitman World of Assassination e Dreams of Another).