A Proa convértese no epicentro do emprendemento a través da Startup Europe Week

martes, 26 de maio do 2026 S. P.

Durante toda a mañá deste martes 26 de maio, o espazo colaborativo A Proa, localizado no parque empresarial do Milladoiro, acolleu unha xornada de portas abertas co gallo da Startup Europe Week, que se está a celebrar do 25 ao 29 de maio.
As persoas asistentes puideron ver como é traballar en Espazo A Proa e coñecer a comunidade emprendedora do emprazamento. Durante a xornada tamén se impartiu a charla formativa Emprender sen filtros: compartindo os erros que máis ensinan, nun encontro no que estiveron presentes os técnicos municipais e autoridades do Concello de Ames.
O relatorio estivo conducido por Rosa Corral, asesora de emprendemento da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con máis de 25 anos de experiencia en formación, emprego e emprendemento. Ademais, é empresaria e impulsora do proxecto agroalimentario La Colmena de Sofía.
A Startup Europe Week é unha iniciativa impulsada por Startup Europe e o Comité das Rexións da Unión Europea, e está centrada en axudar ao emprendedores a conectar cos seus ecosistemas locais e darlles a coñecer os recursos públicos e privados dispoñibles sen necesidade de marchar ás grandes cidades nin capitais.
Neste proxecto participan máis de 350 cidades repartidas en 50 países, sumando así 250 coorganizadores locais e este ano está enfocado nas conversas reais sobre financiamento, acceso a capital, intelixencia artificial, deep tech e crecemento respectuoso co medio natural. A Startup Europe Week é o maior movemento de emprendemento rexional do mundo e este ano celebra a súa décima edición.