A Rede de Dinamización organiza o I Concurso de Fotografía Feira Franca de Pontevedra

venres, 5 de setembro do 2008 Raquel Noya

Co gallo da celebración da IX Edición da Feira Franca de Pontevedra, que un ano máis estará dedicada ao traballo do campo, o Concello desta cidade, en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI, (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), está a organizar o I Concurso de Fotografía Feira Franca, que ten como tema principal O espírito do medievo.
O certame, que terá lugar a partires do vindeiro día 8 e ata o 18 de setembro, dará acollida a todos aqueles participantes maiores de 18 anos que desexen dar renda solta á súa creatividade e mostrar, a través das imaxes, a súa visión da época medieval; unha idade pasada que o Concello de Pontevedra volverá a revivir os vindeiros días 5 e 6 de setembro, para o goce de veciños e visitantes que se acheguen ata a capital.
O número de fotografías que se poden presentar por participante está limitado a 2 e deberán ter formato dixital de medidas mínimas 15x21cm.
Haberá un premio especial para a mellor fotografía escollida polos internautas, que consistirá nun lote de libros e varios agasallos, e que será para aquel participante que reciba máis votos en liña dende o 19 de setembro e ata o 25 do mesmo mes. O vindeiro día 30 de setembro, os organizadores deste evento darán a coñecer o nome dos gañadores no blogue oficial do concurso.
Os interesados en participar poden atopar máis información no teléfono 986 833 061 ou ben achegándose persoalmente ó Pazo da Cultura de Pontevedra en horario de 8:30 a 15:30.