A Regueifa lanza na Rede as novidades de Ataque Escampe e Vale Tudo

venres, 29 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

A Regueifa, o selo discográfico en liña con dúas faces (unha, a máis oficial, e outra, a máis informal), ten novidades estes días de interese para os internautas galegos e para todos os cidadáns do mundo que levan un galego ou galega dentro. Curiosamente, un destes novos lanzamentos discográficos leva por título algo que ben se pode interpretar coma unha exhaltación do xogo da crítica, propia ou allea, e dirixida cara todo becho que se mova.
Falamos do segundo traballo do grupo Ataque Escampe, Galicia es una mierda, un albume descargable dende xa e que inclúe os que se cadra sexan os 13 temas de rock galego máis ambiciosos da tempada. Non en van, van dirixidos a cumprir cunha tarefa de envergadura: “Reflectir todas as contradicións existentes na Galiza, no mundo e na historia da música”, sinalan os seus integrantes, Roi Vidal, Marco Gelpi, Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira e Alex Charlón.
Por certo que o título do albume, que se pode baixar dende A Regueifa nun Zip de 62 Mb, foi un dos eixes sobre os que xirou unha entrevista cos músicos en Vieiros, na que van directos a meter o dedo sen contemplacións alí na fenda onde máis amola: “Se dixésemos `España es una mierda’ se cadra estabamos detidos...”.
A outra novidade da Regueifa vén da man dos lugueses Vale Tudo, que debutan nisto de editar discos cun traballo homónimo de seis cancións. A liña do grupo, integrado por Rafael Mallo e Óscar Vilariño, consiste máis ou menos en anexionar (musicalmente) a Galiza os territorios que foron o xermolo do folk e o blues americanos, dándolle a todo un aquel de ollar cara adiante onde nada, nin sequera algo que semella tan chantado na terra como o blues, ten porqué soar sempre do mesmo xeito.
Ambos discos aparecen publicados en liña baixo licenza Creativa Commons, o que quere dicir que as cancións poderán ser usadas e compartidas libremente sempre e cando non sexa con arela de lucro e se recoñeza a autoría das cancións. Obviamente, isto que non quita que os grupos acheguen copias polo tradicional dos seus albumes.
Sobre A Regueifa
Este selo galego en liña constitúe un espazo libre de distribución de música a través das licenzas Creative Commons. Artistas e internautas poden achegar e máis solicitar o que se lles ocorra: “Non importa o que fagas (música, videocreación, pintura, poesía, fotografía ou banda deseñada), nen como o fagas, se é dixitalizabel e queres difundilo na Rede”. O sitio de Aregueifa.net é un Netlabel (Selo de Rede, en galego), nova índole de discográfica sen sede física e distribuíndo música de balde para os internautas, que non están obrigados a achegar datos persoais ou a aturar publicidade agresiva (unha discográfica Netlabel sería o máis semellante a un amigo afeccionado á música que che peta na porta para dar consellos). A Regueifa trae obras de tódolos recunchos do mundo para as nosas orellas e –asemade- reivindica o que se produce en Galiza.

PUBLICIDADE