Entregados en Galiciencia os premios do desafío científico

xoves, 9 de maio do 2024 S. P.

A feira científico-xuvenil Galiciencia, que se está a desenvolver ata mañá venres no Parque Tecnolóxico de Galicia baixo o lema Mellor, de Madeira, celebrou este xoves 9 de maio a final do desafío científico Atrévete coa Madeira!, no que durante os últimos meses participou alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online. Sumáronse a esta aventura un total de 240 equipos, 647 rapaces e rapazas de 34 centros educativos diferentes.
O gañador na categoría de Primaria foi o equipo Los líderes, integrado por Saleta, Mateo, Leo e Adriana, do Colexio Plurilingüe Maristas Santa María de Ourense. Idearon un xogo tipo Memory coas árbores como protagonistas, un xeito ameno de coñecer diferentes tipos de especies e as súas principais características, como a árbore máis lonxeva, a máis común en Galicia, a máis alta, a máis perigosa… “Para nós foi unha maneira moi divertida de aprender xogando” -manifestan os membros do equipo-. Ademais, valorouse o feito de que para a realización do xogo empregaron materiais reciclados vencellados coa madeira como caixas de froitas.
Na categoría de primeiro a terceiro de Secundaria gañou o equipo Madeiramakers, formado por Rodrigo, Daniel e Manuel, do Colexio Santa Teresa de Jesús Carmelitas de Ourense. A súa proposta foi transmitir de xeito teatralizado a importancia da madeira e os seus usos. “Se non hai madeira non se poden facer moitas cousas. Queremos concienciar sobre o problema que representa a tala masiva de árbores porque se non hai árbores quedamos sen recursos fundamentais para todos nós”, salientaron.
Na categoría de cuarto de Secundaria a Bacharelato os vencedores foron Micorrizas, do que forman parte Simón, Uxía e Damián, do IES Aquis Querquernis de Bande (Ourense). Propoñen facer hoteis para insectos e colocalos na contorna do seu instituto “para favorecer a biodiversidade e respectar aos animais que nos rodean como escaravellos, bolboretas, xoaniñas…”. Para iso empregan madeira reciclada e teñen en conta as necesidades específicas de cada especie e os seus ciclos vitais, froito dunha investigación previa realizada polo equipo.
A rapazada coñece o futuro prometedor da madeira
O alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP está a participar en tres obradoiros diferentes. Baixo o título Deseña un soporte para o teu móbil, a rapazada está a perfilar e construír con madeira un soporte para os seus teléfonos móbiles. Aínda que se trata dun obxecto moi sinxelo, é un xeito perfecto para aprender como funciona o proceso de deseño.
No taller Tocar madeira, realizado en colaboración co CIS-Madeira e coa empresa de Tecnópole Madera Plus, o alumnado está a experimentar con este material, construíndo unha ponte, comparando as propiedades da madeira segundo as diferentes especies de árbores, e mesmo visualizan o efecto das ondas sonoras neste magnífico material. Ademais, aprenden a ler as historias que contan as árbores a través dos seus aneis de crecemento e transmíteselles a idea de que a madeira ten unha longa historia e cultura asociada, pero tamén un futuro moi prometedor.
A través do obradoiro Máis madeira!, a rapazada afonda na realidade da incerteza enerxética e a crise climática. Así, insístese no feito de que o modelo de crecemento rápido que propicie ganancias inmediatas e favoreza o consumo acelerado xa non é un modelo de progreso.
Ademais, a rapazada de Secundaria e Bacharelato que expón os seus proxectos na feira está a participar no taller A aventura de voar, que se desenvolve na Aula Newton Galicia instalada en Tecnópole. O obxectivo é que teñan a oportunidade de descubrir o mundo da navegación aérea utilizando simuladores de voo profesionais.

PUBLICIDADE