A Terra de Melide estrea un catálogo dixital do seu patrimonio

luns, 16 de maio do 2016 Marcus Fernández

O pasado sábado o Museo da Terra de Melide acolleu o acto de presentación do proxecto Abeancos.gal, iniciativa da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) en colaboración co Museo da Terra de Melide, que facilita a consulta a través da Internet de parte do catálogo patrimonial co que conta a área da cerna de Galicia, empregando contidos con licenza libre, evitando así as tradicionais limitacións de uso e copia, para o que se inspiraron no proxecto A Cultura da Auga, creado pola Asociación Comunidade O Zulo.
Este novo catálogo dixital acubíllase baixo o nome Abeancos.gal atendendo á denominación da antiga delimitación da Terra de Melide (distinta da demarcación política comarcal actual, que carece de valor histórico), e consta inicialmente de 36 elementos, partindo así dun volume accesible que non sature de información nunha primeira toma de contacto. O catálogo repártese nas categorías de arquitectura civil, arquitectura relixiosa, arquitectura industrial, arquitectura popular, elementos arqueolóxicos, paisaxe mítica, cruceiros e pontes (obtendo os 2 últimos unha categoría de seu debido á súa significación individual).
Cada elemento recolle unha ficha descritiva onde consta a súa categoría, o seu estado de conservación, a súa localización, a súa descrición, unha fotografía e incluso un ficheiro coas lendas naqueles elementos que teñen algunha asociada. Este elementos tamén están localizados xeograficamente a través do mapa libre OpenStreetMap, á vez que todos estes contidos seguen unha política de datos abertos.

MeLiSA e o Museo da Terra de Melide xuntaron forzas para facer realidade o catálogo dixital aberto Abeancos.gal

PUBLICIDADE