A UDC fortalece cunha nova app a súa comunicación co mundo

luns, 11 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña presentou hoxe unha aplicación móbil para incrementar e mellorar o seu labor comunicativo. A nova app da UDC, dispoñíbel para a súa descarga nos dispositivos Apple e Android, foi dada a coñecer polo reitor Julio Abalde en rolda de prensa. O obxectivo, segundo fixo saber Abalde, é abrir novas vías de contacto entre a Universidade e súa comunidade así como co resto da sociedade. Trátase, pois, dunha xanela aberta a todas as contornas ás que se abren os campus coruñeses, a académica, a social, a institucional e mesmo a empresarial. Deuse a coñecer baixo o nome xenérico de UDC móbil.
O reitor salientou na presentación o traballo despregado polo Servizo de Informática e Comunicacións da UDC. Nun plano máis concreto, enxalzou o labor da área de Innovación, que, xunto co seu principal responsábel, o adxunto para Tecnoloxías da Información, Carlos Escudero, desenvolveu e puxo en marcha esta nova aplicación.
Precisamente foi o propio Escudero quen debullo as características e funcionalidades da ferramenta. Entre outras cousas, sinalou que UDC móbil xorde cunha primeira versión con varias funcións xa definidas “pero que se irán aumentando e actualizando de forma moi dinámica”. Ademais de portal de titulacións e de investigación, explicou, a app conta (entre outras cousas) cun servizo de localización de centros e servizos con acceso directo aos mesmos, fornecendo a maiores de notificacións de notas, avisos e un agregador de novas. Estas funcionalidades serán obxecto de ampliacións en datas vindeiras, sobre todo coa posta en marcha da nova web da UDC.

PUBLICIDADE