A UDC pescudará nunha xornada na dupla vertente da innovación: social e tecnolóxica

martes, 9 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Centro de Investigación de Filosofía da Ciencia e a Tecnoloxía (Campus de Ferrol) vai acoller unha xuntanza que pescudará nos múltiples espazos de contacto (e de interactividade) entre os estudos humanísticos e os saberes tecnolóxicos. Trátase do Encontro sobre Innovación Social e Innovación Tecnolóxica, impulsado polos dous campus da UDC e concibido como unha xuntanza aberta a estudantes e profesionais interesados nos múltiples xeitos de ollar cara adiante dende a ciencia, a investigación e as novas tecnoloxías (o que se coñece hoxe, precisamente, como innovación). Proporcionarase un diploma acreditativo de asistencia aos participantes.
Entre os relatores convidados atópase Javier Echeverría (catedrático, investigador no Centro de Innovación Social da Universidade do País Vasco, doutor en Filosofía pola Universidade Complutense e Docteur d’’Eta-ès-Lettres et Sciences Humaines pola Sorbona), Elena Castro Martínez (científica titular de Organismos Públicos de Investigación, adscrita ao Consello Superior de Investigacións Científicas, amais de doutora en Química Industrial pola Universidade Complutense de Madrid e investigadora do Instituto de Xestión da Innovación e do Coñecemento), Jorge Barrero (director xeral da Fundación COTEC, licenciado en Bioquímica pola Universidade de Salamanca e mestrado en Estudos de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade pola dita institución académica) e Valentín Fernández García (membro impulsor da plataforma de crowdfunding Telefónica Open Future, é actualmente asesor senior en innovación aberta e mentor e investidor en startups).
O encontro celebrarase o 24 de outubro, a partir das 10.00 da mañá, co relatorio de Javier Echeverría: Filosofía da innovación e valores sociais nas empresas. A continuación, será a quenda de Elena Castro Martínez, coa conferencia Sistemas de innovación: Innovación no sector cultural. Pola tarde, Jorge Barrero falará de Innovación para un futuro máis humano e Valentín Fernández García (Telefónica Open Future) de Innovación aberta: A experiencia de Telefónica.

PUBLICIDADE