A USC acolle a cuarta Xornada de Usuarios de R en Galicia
xoves, 5 de outubro do 2017
A Facultade de Matemáticas acollerá o 19 de
outubro a IV Xornada de
Usuarios de R en Galicia, cuxo principal obxectivo, unha vez
máis, é converterse nun punto de encontro para todas aquelas
persoas interesadas en intercambiar as súas experiencias arredor
desta linguaxe free software e atopar colaboracións do resto
da comunidade. Segundo
informa a Universidade de Santiago (USC), a inscrición é de balde e
de libre acceso. A xornada vén da man da Oficina de Software
Libre do CIXUG coa colaboración da USC e co patrocinio da axencia
AMTEGA. “Con esta xornada trátase de promover e difundir o
coñecemento libre da linguaxe estatística R e mostrar as súas
aplicacións”, engaden fontes do CIXUG.
O programa abrangue
diversos relatorios ao longo de todo o día, así como obradoiros
sobre introdución a R e Web Scraping, impartidos por Arís Fanjul
Hevia e José Luis Juncal Pérez, respectivamente.
Entre os participantes figuran especialistas da
Oficina de Software Libre do CIXUG, do Instituto Galego de
Estatística, da Xunta de Galicia, das tres universidades galegas, do
CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e de empresas como
Indra ou SolidQ.
Como lembraremos, R é un software orixinariamente
deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos
e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados
coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big
Data, bioloxía, ...). R ten unha natureza
dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo
licenza GNU-GPL.
