A UVigo dotará as universidades balcánicas de plataformas de micro-aprendizaxe

xoves, 21 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

As universidades balcánicas queren avanzar en ensino a distancia coa creación de plataformas de micro-aprendizaxe, e vano facer co asesoramento da Universidade de Vigo. Así se deu a coñecer estes días (até mañá), durante a celebración dunha xuntanza do proxecto europeo ELEMEND (Electrical Energy Markets and Engineering Education), deseñado para facilitar que os plans de estudo de enxeñaría eléctrica nas universidades dos Balcáns occidentais sexan competitivos a través da ensino e a capacitación en tecnoloxías de redes e microrredes intelixentes e nos mercados de electricidade.
A iniciativa abrangue universidades de España, Austria, Letonia, Bosnia e Hercegovina, Montenegro, Serbia e Kosovo. A de Vigo é a única representante estatal e esta semana acolle o quinto obradoiro de traballo.
Cun orzamento de 930.543 €, o proxecto botou a andar en outubro de 2017 e remata no mesmo mes de 2020. A iniciativa está coordinada dende Grecia pola Technologiko Ekpaideftiko Idryma Stereas Elladas Teiste, sendo a profesora da EE de Telecomunicación Rebeca P. Díaz a coordinadora do proxecto na UVigo, no que están tamén implicados os docentes Ana Fernández Vilas e Manuel Caeiro, do mesmo centro.
A xuntanza galega destes días está a permitir avanzar no emprego das Tecnoloxías de Información e Comunicación no ensino, poñendo o foco nas plataformas de micro-learning. A vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Mª Isabel Doval, foi a encargada de darlle a benvida ás e aos participantes, xunto con Eva Garea, técnica superior da Oficina de Relacións Internacionais responsábel de coordinar os proxectos da UE e a investigadora Rebeca P. Díaz.
No marco do proxecto, un dos obxectivos para actualizar a formación en enxeñaría eléctrica é fornecer ás universidades dos Balcáns occidentais de plataformas de microaprendizaxe. Esta é a parte do proxecto na que destaca a participación do equipo da Universidade de Vigo, que conta cunha extensa experiencia na innovación e investigación na aplicación de TIC á docencia. O labor das e dos investigadores vigueses é deseñar a plataforma, acorde ás necesidades do proxecto e das universidades de Bosnia e Hercegovina, Montenegro, Serbia e Kosovo, así como formar os equipos destas institucións, tanto tecnólogos como docentes, para que poidan desenvolver, despregar e empregar de maneira axeitada esta tecnoloxía.
A finalidade xeral do proxecto Elemend é proporcionar a Bosnia e Hercegovina, Serbia, Montenegro e Kosovo profesionais de alto perfil en tecnoloxías intelixentes de microrede e mercados emerxentes de enerxía eléctrica en liña coas necesidades da sociedade e o mercado dos Balcáns occidentais. Os socios do proxecto esperan que os resultados (cursos de aprendizaxe electrónica, aplicacións gamificadas, laboratorios virtuais, novos cursos ou programas de mestrado) atraian novo alumnado e grupos obxectivo relevantes.

PUBLICIDADE