A Unión Europea chega a un acordo sobre a futura lexislación da IA

luns, 11 de decembro do 2023 Redacción

O Parlamento Europea, consciente de que a intelixencia artificial está a cambiar as nosas vidas cotiás, pechou un acordo político sobre a Lei da Intelixencia Artificial. A Lei da IA da UE é o primeiro marco legal completo sobre a Intelixencia Artificial a nivel mundial e traspón os valores europeos a unha nova era.
O acordo centra a regulación nos riscos identificables, proporciona seguridade xurídica e abre o camiño para a innovación na IA de confianza. Ao garantir a seguridade e os dereitos fundamentais das persoas e das empresas, a Lei apoiará o desenvolvemento, despregamento e adopción da IA na UE de forma centrada no ser humano, transparente e responsable.
A Lei da IA comezou a fraguarse en abril de 2021 e dende a Comisión Europea aseguran que até que a Lei sexa plenamente aplicable apoiarán ás empresas e aos desenvolvedores para que anticipen as novas regras. Preto de 100 empresas xa expresaron o seu interese en unirse ao Pacto da IA, polo que se comprometerían de forma voluntaria a cumprir as obrigas clave da Lei antes do prazo legal.
O acordo provisorio acadado o pasado sábado recolle o seguinte:
– regras sobre modelos de IA de propósito xeral de alto impacto que poden causar risco sistémico no futuro, así como sobre sistemas de IA de alto risco
– un sistema revisado de gobernanza con algunhas competencias de aplicación a nivel da UE
– extensión da lista de prohibicións pero coa posibilidade de usar identificación biométrica remota por parte das autoridades de aplicación da lei en espazos públicos, suxeito a salvagardas
– mellor protección dos dereitos a través da obriga para os despregadores de sistemas de IA de alto risco de realizar unha avaliación de impacto dos dereitos fundamentais antes de poñer un sistema de IA en uso

PUBLICIDADE