A Unión Europea destinará 400 millóns de euros para contribuír á mellora da banda larga en España

martes, 10 de decembro do 2019 Redacción

A Comisión Europea vén de aprobar, conforme ás normas sobre axudas estatais da UE, 400 millóns de euros de apoio público para o despregamento de redes de banda larga de moi alta velocidade en España. O réxime beneficiará aos consumidores e as empresas en zonas de España cunha conectividade insuficiente.
A vicepresidenta executiva, Margrethe Vestager, responsable da política de competencia, declarou: «Os consumidores e as empresas españolas deben beneficiarse do todo o potencial que encerra o crecemento dixital, con independencia de onde se atopen. Esta medida abordará a fenda dixital entre as zonas urbanas e rurais de España. Con esta decisión apoiamos unha vez máis o uso de fondos públicos para os servizos da internet de moi alta velocidade destinados aos fogares e as empresas en zonas onde o investimento privado é insuficiente».
O réxime ten un orzamento de 400 millóns de euros e executarase entre 2020 e 2022. O seu obxectivo é abordar os déficits de conectividade en toda España e mellorar e acelerar a cobertura con redes de moi alta velocidade a fin de lograr a conectividade a internet necesaria para apoiar o mercado único dixital europeo.
A medida apoiará o despregamento de redes capaces de proporcionar velocidades de carga e descarga de 300 Mbps, ampliables a 1 Gbps a zonas específicas.
As novas redes cubrirán zonas nas que non están presentes nin previstas nun futuro próximo redes de alta velocidade que ofrezan velocidades de descarga de polo menos 30 Mbps. En menor medida, cubrirá igualmente zonas nas que xa está presente ou prevista nun futuro próximo unha rede de alta velocidade, pero nas que non existe nin está prevista unha rede que permita unha descarga de máis de 100 Mbps. As novas redes tamén darán acceso a mellores servizos de banda ancha, o que estimulará o desenvolvemento dunha economía dixital moderna.
As autoridades españolas elaboraron un inventario completo das infraestruturas dispoñibles actualmente e levaron a cabo consultas públicas para determinar as zonas obxectivo. levarán a cabo novas consultas públicas para garantir que se limiten ao mínimo as distorsións da competencia.
Todas as redes financiadas con cargo á medida ofrecerán acceso por xunto a todos os operadores de forma aberta, transparente e non discriminatoria, polo que incentivarán os investimentos privados na prestación de servizos da internet de alta velocidade aos fogares e as empresas nas zonas obxectivo.
A Comisión avaliou a medida conforme as normas sobre axudas estatais da UE, en particular as súas Directrices sobre banda larga de 2013. A Comisión chegou á conclusión de que os efectos positivos do réxime sobre a competencia no mercado español de banda ancha superan os posibles efectos negativos provocados pola intervención pública. Á luz do exposto, a Comisión aprobou a medida conforme as normas sobre axudas estatais da UE.
O réxime contribuirá aos obxectivos estratéxicos da UE establecidos na Axenda Dixital para Europa e na Comunicación Cara a unha sociedade europea do Gigabit.

PUBLICIDADE