A Universidade de Vigo acolle do 27 ao 30 de xuño un Curso de Seguridade Telemática

mércores, 22 de xuño do 2011 Redacción

Unha ducia de especialistas en seguridade informática de toda España participarán no Curso de Seguridade Telemática 2011 que organiza a Universidade de Vigo en colaboración coa empresa galega de seguridade informática, Hermes Sistemas.
Dende o 27 de xuño e durante catro días os participantes deste curso exporán os retos e avances de diversos aspectos da seguridade informática no ámbito empresarial. O obxectivo deste encontro é mostrar unha visión actual e completa sobre a protección da información corporativa, incidindo na importancia de combinar o rigor técnico e xurídico para lograr un sistema de seguridade axeitado que soporte e garanta o correcto funcionamento dos procesos de calquera organización empresarial.
O desenvolvemento de aplicacións seguras, a seguridade en ámbitos Microsoft, as auditorías de seguridade, a implantación dun plan de xestión da confidencialidade e a privacidade ou a adecuación á LOPD serán algúns dos temas que se abordarán durante a celebración de este curso.
Entre os relatores presentes no curso de Seguridade Telemática 2011 da Universidade de Vigo figuran José Parada, responsable de seguridade corporativa de Microsoft Ibérica, José Ángel Valderrama Antón, xerente de novas Tecnoloxías de AENOR, Ricard Martínez responsable da Área de Estudos da Axencia Española de Protección de Datos 2007-2011 e profesor na Universidade de Valencia e U.O.C. ,Emilio Aced Felez, subdirector da Axencia de Protección de Datos da Comunidade de Madrid e Alfonso Sestelo, xerente do Centro Tecnolóxico de Telecomunicaciones de Galicia.
O curso de Seguridade Telemática 2011 vai dirixido a futuros expertos en seguridade así como a profesionais do sector, non obstante o codirector do curso, José Luis Rivas, xerente de Hermes Sistemas, sinala que é unha grande oportunidade para os profesionais da seguridade informática para coñecer as novidades dun sector que evoluciona rapidamente e na que os seminarios e os cursos, como o organizado pola Universidade de Vigo, son imprescindibles para estar ao día.