A Xbox ten as súas propias Crocs

luns, 24 de novembro do 2025 Redacción

Xbox e Crocs volven coincidir no camiño da extravagancia tecnolóxica e da moda urbana cunha colaboración que leva o deseño do mando da consola directamente aos pés dos xogadores. A colección de edición limitada está dispoñible na páxina web estadounidense de Crocs, repetindo a xogada dos zocos inspirados en Windows XP.
A proposta destaca por reinterpretar o mítico mando da Xbox One X nun par de Clogs que incorporan botóns e joysticks fixos na empeña. Os dous zocos replican as teclas X, Y, B e A, o D-pad, os dous sticks analóxicos e mesmo o botón branco de Xbox, ademais de integrar uns pequenos bumpers laterais. O logotipo de Xbox tamén está presente nas bisagras da tira traseira. No interior, a planta acolchada inclúe as inscricións Player Left e Player Right, un detalle pensado para ofrecer comodidade ao longo das sesións de xogo ou para simplemente relaxarse no sofá.
A colección complétase cun paquete adicional de cinco charms Xbox + Jibbitz, á venda por separado e que inclúe personaxes e iconas de Halo, Fallout, Doom, World of Warcraft e Sea of Thieves. A intención, segundo salientan ambas compañías, é permitir que cada usuario poida personalizar os seus zocos coas súas franquías favoritas.
A nova liña forma parte das celebracións de Microsoft polo vixésimo aniversario do lanzamento da Xbox 360, ao tempo que consolida unha tendencia na que a compañía continúa explorando alianzas estéticas vinculadas ao seu legado tecnolóxico.
Cómpre lembrar que non son os únicos produtos de Crocs relacionados co mundo dos videoxogos, pois en Europa xa hei tempo que temos dispoñibles os zocos clásicos inspirados en Minecraft, en Fortnite e en Pokémon, así como numerosos charms baseados Super Mario, Minecraft e Pokémon.