A Xunta apura a concesión de axudas para a contratación de Internet vía satélite

martes, 11 de setembro do 2012 Raquel Noya

Mar Pereira deu conta esta mañá da nova liña de axudas

O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Antonio Crespo, vén de formalizar a súa colaboración coas operadoras que levarán Internet vía satélite a aquelas zonas do rural que, pola súa dispersión ou complicada orografía, teñen dificultade de cobertura deste servizo por outras vías.
Desta maneira, máis de 2.100 familias e pequenas empresas que ata o de agora non podía acceder a Internet de banda ancha polo sistema tradicional, terán a posibilidade de contratar o servizo de conexión á Rede por satélite, accedendo así ás mesmas vantaxes que o resto de galegas e galegos.
As axudas tramitaranse a través de seis empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas pola Xunta como entidades colaboradoras, que son: Quantis, Tripla, Duo Telecom, Intermax Tecnology, Eurona e Mira Novas Tecnoloxías.
Segundo informan dende o Executivo, a cobertura de Internet vía satélite “é a sexta e última liña do Plan de Banda Larga da Xunta”, e nela, o Goberno galego “investirá 1.077.000 euros ata 2014”, engadiron.
Poderán solicitar as axudas aquelas familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso á banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.
Para iso establécese unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación e o custo do equipamento de usuario, “cunha contía máxima de 500 euros e condicionado á permanencia no servizo durante un ano”, informan.
As persoas usuarias deberán contratar un servizo de banda larga vía satélite de cando menos 2Mbps de velocidade de baixada. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, “gratuíto para os beneficiarios”, aseguran dende o Executivo.
O prazo de solicitude destas axudas abrirase tras a súa publicación no DOG prevista para finais deste mes de setembro.

PUBLICIDADE