A Xunta confirma os seus esforzos para achegar a banda larga ao rural

venres, 26 de novembro do 2010 Redacción

Esta mañá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, visitou ás instalacións dunha explotación gandeira no Concello de Taboada, onde comprobou a evolución da banda larga no rural, de xeito que con estes avances un gandeiro poderá contar cunha oficina virtual da Xunta as 24 horas para poder facer calquera trámite sen saír da súa explotación, e que a través do Plan de Banda Larga beneficiará a máis de 250.000 galegos máis aos que achégase o acceso á Rede antes de rematar o ano.
Feijoo asegurou que dende o comezo do proxecto de achega da banda larga ao rural «750.000 galegos non tiñan acceso a internet e, hoxe, podemos concretar que, a finais deste ano 2010, o 72% da poboación galega terá acceso a internet e a finais de 2011, o 82% dos galegos; e así iremos avanzando ata chegar ao 100% da poboación galega no 2014».
Durante a visita, Feijoo afirmou que a Xunta traballará para cumprir o obxectivo da Axenda Dixital 2014, polo que continuarán «a seguir levando internet onde non existe; a conquerir que o 100% das explotacións gandeiras, dos colexios públicos, das empresas, dos polígonos …, con independencia da súa localización, teñan acceso a internet e que, por fin, as infraestruturas do século XXI cheguen a Galicia a tempo».
Feijóo afirmou que este plan romperá a fenda entre a Galicia atlántica e a Galicia do interior e marcará «un antes e despois dunha Galicia igualitaria, dunha Galicia igual en todos os lugares onde se viva». E reiterou o compromiso de aproveitar esta lexislatura para facilitar a toda a poboación de Galicia a cobertura de Internet.


Intervención de Alberto Núñez Feijoo durante a súa visita a unha explotación gandeira en Taboada