A Xunta destinará 15 millóns de euros á mellora da cobertura de banda larga no rural galego

martes, 10 de maio do 2011 Redacción

Esta mañá o presidente das Xunta, Alberto Núñez Feijoo, durante a súa visita ao Centro de Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) de Ponteareas anunciou que nos vindeiros días o Diario Oficial de Galicia recollerá unha nova orde de axudas por un montante de 15 millóns de euros para o espallamento da banda larga en 11.000 núcleos do rural e chegar a máis de 250.000 galegos entre este ano e 2013.
O titular da Xunta asegurou que para que os galegos deixen atrás a fenda dixital é preciso superar diferentes barreiras económicas, de infraestruturas e de alfabetización dixital, para o que a Administración ten definida unha Axenda Dixital que ten entre os seus obxectivos para 2011 e 2012 «axudar a 8.200 familias galegas» e «subvencionar en 8.200 fogares» o acceso á Internet.
Sobre as barreiras en materia de infraestruturas, o presidente galego salientou a posta en marcha, o ano pasado, do Plan de Banda Larga para facilitar o acceso a internet a todos os galegos. Así, explicou que en menos dun ano o plan posibilitou a conexión á rede a 250.000 persoas que carecían de cobertura, entre eles preto de 3.000 veciños do concello de Ponteareas.


Declaracións de Feijoo en Ponteareas

Alberto Núñez Feijoo, acompañado da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, visitou a aula CeMIT do Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas

PUBLICIDADE