A Xunta inviste 50 millóns na modernización da xustiza

xoves, 14 de outubro do 2021 S. P.

Santiago acolleu este 14 de outubro a inauguración dunhas xornadas de secretarios xudiciais: o encontro Fortalecemento institucional do corpo de letrados da Administración da Xustiza e das Secretarías do Goberno. Nela participou o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, quen salientou “o esforzo investidor” da Xunta para a modernización da xustiza e para “ofrecer aos cidadáns un servizo público eficiente”. En concreto, dixo, o Goberno galego mobilizou 50 millóns de euros para dixitalización do dito ámbito, e 123 millóns para o Plan de Infraestruturas Xudiciais.
Juan José Martín explicou que este proxecto de dixitalización integral será materializado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), incluíndo como dixemos unha contía de 50 millóns de euros a través dos plans Senda I e Senda II.
Amais, no capítulo de “mellora da relación entre os cidadáns e a administración xudicial”, lembrou que a Xunta investiu 123 millóns de euros no Plan de Infraestruturas Xudiciais que permitiu, entre outras actuacións, rehabilitar a antiga Fábrica de Tabacos da Coruña, que hoxe é sede da Audiencia Provincial, ou poñer en marcha “un dos proxectos máis ambiciosos acometidos pola Xunta” facendo uso das súas competencias en Xustiza, como é a Cidade da Xustiza de Vigo, cun investimento de 42 millóns de euros.

PUBLICIDADE