A Xunta reforza a aposta polos formatos dixitais nas súas políticas de fomento da lectura

luns, 1 de xuño do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia continúa a impulsar os formatos dixitais como parte das súas estratexias de promoción da lectura, adaptándose a uns hábitos de consumo cultural cada vez máis orientados ás plataformas electrónicas. O Consello da Xunta analizou un informe da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no que se recollen distintas iniciativas desenvolvidas neste ámbito, entre as que destacan o crecemento da plataforma de préstamo dixital GaliciaLe e o apoio á produción de audiolibros en galego.
Segundo os datos recollidos no documento, o 88,4 % dos lectores galegos maiores de 14 anos empregan medios electrónicos para ler, unha porcentaxe lixeiramente superior á media estatal. Ademais, o 27,9 % da poboación le libros en formato dixital e os usuarios que optan exclusivamente por este soporte consumiron unha media de 8,3 libros ao longo de 2025.
A plataforma GaliciaLe, creada en 2014 para facilitar o acceso á lectura e a outros contidos culturais a través das bibliotecas públicas, continúa a rexistrar unha evolución positiva. Na actualidade ofrece 15.721 libros electrónicos (2.800 deles en galego), 1.184 audiolibros, 557 películas e 51 revistas. Entre 2022 e 2025, os préstamos realizados a través deste servizo aumentaron un 96,4 %, ao pasar de 138.658 a 272.340, mentres que o número de usuarios activos medrou un 98,4 %, ata alcanzar os 27.085.
A expansión do servizo completouse coa creación de GaliciaLe+, unha modalidade dirixida á diáspora galega que permite acceder aos contidos en galego desde fóra da comunidade. Actualmente conta con 319 usuarios noutras comunidades autónomas e con 180 repartidos por 40 países, principalmente na Arxentina e Brasil.
Os plans da Xunta pasan por seguir ampliando o alcance da plataforma, atraendo novos públicos, reforzando a presenza da produción audiovisual galega, favorecendo o mercado do libro electrónico e incrementando a diversidade de contidos dispoñibles. A este labor engadiuse en 2024 a aplicación móbil da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que facilita o acceso ao catálogo de GaliciaLe e a outros servizos bibliotecarios.
O audiolibro constitúe outro dos eixos da estratexia autonómica. En Galicia, o 8,4 % da poboación utiliza este formato e o 5,9 % faino con frecuencia semanal. Para reforzar a súa presenza en galego, a Consellería de Cultura mantén distintas liñas de apoio destinadas á adaptación de obras clásicas e contemporáneas, así como á creación de versións sonoras dos títulos premiados nos Premios Nortear.
Grazas a estas iniciativas producíronse entre 2024 e 2025 un total de 33 audiolibros en galego, cun investimento de 135.000 euros. A esta cifra súmanse 14 obras clásicas da literatura galega editadas en formato electrónico e sete títulos procedentes da última edición dos Premios Nortear.
A Xunta tamén está a reforzar a súa política de publicacións dixitais a través da Libraría Institucional, onde as descargas aumentaron un 52,6 % entre 2024 e 2025. O obxectivo é que todas as publicacións non destinadas á venda estean dispoñibles en formato electrónico, facilitando así o acceso da cidadanía ao coñecemento. Actualmente, as áreas con maior actividade editorial son Sanidade e Cultura, cunha parte significativa das súas publicacións xa accesibles exclusivamente en liña.