A aula móbil da Xunta e Movistar chega a Ponteareas

luns, 23 de abril do 2012 Redacción

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá en Ponteareas o Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego. No acto estivo acompañada polo alcalde do municipio, Salvador González, así como polo o director de Administracións Públicas de Telefónica no Territorio Norte, Manuel Alonso.
Esta iniciativa, froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Movistar, céntrase nos municipios aos que o teleoperador e o Plan de Banda Larga da Xunta xa posibilitaron a conexión á rede.
O máximo representante do Goberno galego en Pontevedra destacou a importancia de informar aos cidadáns dos avances na súa localidade do Plan de Banda Larga, impulsado desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e de fomentar o uso de Internet, “divulgando as vantaxes que proporciona no día a día tanto para os propios veciños como para as empresas”. Cores Tourís lembrou que o Plan está a cumprir obxectivos reducindo a fenda dixital en Galicia e proporcionando en menos de dous anos cobertura a máis de 460.000 galegos que carecían de conexión a Internet, o que supón diminuír en preto dun 60% a poboación sen cobertura na Comunidade
No caso de Ponteareas, indicou o delegado territorial, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a máis de 3.000 habitantes que carecían de conexión a Internet, o que supón o máis do 97% da poboación do municipio. Hai dous anos a cifra roldaba o 82% e as previsións do departamento autonómico é que esta se incremente á práctica totalidade da poboación a finais de 2013. A porcentaxe restante cubrirase vía satélite.
Na comarca do Condado, na actualidade, cerca de 30.000 persoas contan con conexión á rede. Grazas ao Plan, a poboación con cobertura pasou dun 69% a preto dun 94,30%. A previsión é que ao remate do próximo ano esta porcentaxe supere o 98%, cubríndose o resto vía satélite.
No Roadshow Movistar Galicia os veciños da localidade poderán aprender a través de distintas demostracións como levar a cabo unha compra en liña, solicitar unha cita médica, facer uso da sede electrónica da Xunta, realizar trámites coa Administración ou consultar todo tipo de información dispoñible na Rede. A aprendizaxe realízase de maneira gratuíta a través dos 18 postos con ordenador cos que conta a aula móbil e está guiada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.