A cifra de fogares galegos conectados a Internet aumentou máis dun 19% dende o 2010

luns, 3 de setembro do 2012 Raquel Noya

Mar Pereira presenta o informe sobre a sociedade da información na poboación de Galicia

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, vén de facer públicos os datos do último Diagnóstico sobre a Sociedade da Información na Poboación de Galicia correspondente ao ano 2011, un informe que elabora o OSIMGA para avaliar a evolución da penetración das TIC na sociedade galega, e o certo é que achega cifras para sentírmonos bastante optimistas, pois a fenda dixital respecto da media estatal viuse diminuída en 4,6 puntos porcentuais.
Segundo informan dende o Observatorio, o 58,3% dos fogares galegos ten contratada conexión a Internet, o que supón un incremento do 19,2% dende comezos do ano 2010, “o dobre que no conxunto do Estado”, engaden.
No tocante ao tipo de conexión, cabe salientar que o 55,9% dos fogares galegos conéctase a Internet mediante banda larga, tamén un 20,2 máis que en 2010, e tamén un dato que duplica o crecemento da media estatal; e cabe destacar, asemade, que destes fogares “privilexiados”, o 55,2% dispón dunha velocidade que supera os 4Mbps.
A enquisa, que se distribúe libremente na web do OSIMGA baixo licenza Creative Commons, ofrece información estratéxica sobre o equipamento dos fogares galegos e o uso das TIC por parte da poboación galega, así como unha perspectiva comparada dos diferentes contornos socioeconómicos que coexisten en Galicia e que inflúen no avance das novas tecnoloxías.
Neste sentido, o informe indica que o ordenador portátil é o equipamento preferido polos galegos e galegas para conectarse á Rede (nun 73,6% dos casos), malia que o teléfono móbil comeza a gañarlle terreo, cun 43,4% de usuarios que o prefiren para navegar por Internet.
Tamén se reduciu considerablemente a fenda dixital no uso das TIC, especialmente en fogares con nenos, onde o uso de Internet nos últimos 3 meses se elevou ata o 77,4%, superando así en 17,1 puntos porcentuais a media da poboación galega.
A enquisa analiza, a maiores, os contidos e servizos de Internet aos que accede a poboación galega e a frecuencia de utilización da Rede, destacando o uso do correo electrónico (88,7%), a procura de información sobre bens ou servizos (74,6%), a consulta de wikis (70,1%), a participación en redes sociais (66,9%) e a lectura ou descarga de xornais e revistas (63,5%).
Malia esta evolución positiva da penetración das TIC no noso país, o Observatorio sinala que a posición de Galicia no contexto autonómico a nivel estatal “non é a desexada” debido fundamentalmente a 2 condicionantes sociodemográficos: o envellecemento e a dispersión da poboación, que diminúen considerablemente a porcentaxe de fogares que contratan o servizo de Internet.