A curta The Other Side imponse no festival de filmes rodados con iPhone de Los Ángeles
luns, 31 de marzo do 2014
A curta The Other
Side, da
que falamos en Código Cero para salientar entre outras cousas que
foi rodada integramente cun dispositivo iPhone 5, vén de
proclamarse gañadora no certame iPhone Fim Festival de Los Ángeles,
unha celebración audiovisual que amosa e reivindica producións de
todo o mundo elaboradoras cos ditos dispositivos tecnolóxicos de
Apple. A peza The
Other Side, obra do zaragozano Conrad
Mess (nome artístico de Luis Mises), foi rodada nunha vella
fábrica da vila de Mura, Barcelona, e está baseada nunha historia
de terror da catalá Maria Gómez. Para a elaboración do filme
empregouse o software FilmicPro para iPhone.
A curtametraxe rodouse
nun escenario de corenta metros cadrados con croma e, segundo fan
saber os seus responsábeis, recreando todos os elementos por
computador con técnicas de deseño de fondos e escenarios CGI e 3D.
“O resultado”, engaden, “foi unha inquietante curta con estética
vitoriana e fondos xerados en tres dimensións”. A peza está
protagonizada por Cristina Castaño (Fráxiles, A que se aveciña),
Pedro Pablo Isla (O segredo de Ponte Vella, Hispania), Jana
Lafuente e Yaiza Grajales. The Other Side, que ten unha
duración de 17 minutos, salienta en boa medida pola construción dos
ambientes e pola atmosfera de terror que emana das súas imaxes,
conta a historia dunha nai que se converte en vampira e que para
sobrevivir precisa sangue, co que non lle queda máis remedio que
botar man do que ten máis a man: a súa propia familia.