A edición de vídeo profesional chega a iPad con DaVinci Resolve

xoves, 22 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Durante a presentación do iPad Pro con procesador M2 deixouse caer que Blackmagic Design estaba a preparar unha versión da súa aplicación de edición de vídeo DaVinci Resolve para iPad, cumprindo coa histórica esixencia dos usuarios deste tipo de tabletas: aplicacións realmente profesionais capaces de compararse ás súas versións para equipos de escritorio.
Pois o DaVinci Resolve para iPad xa está aquí, podendo descargarse para gozar das populares ferramentas de corrección de cor desta popular aplicación, así como tamén dun bo editor de vídeo, con funcións de colaboración con Blackmagic Cloud, máscaras máxicas baseadas en intelixencia artificial (utilizando tamén a tecnoloxía de intelixencia artificial para poder adaptar vídeos a distintas relacións de aspecto de cara á súa publicación en redes sociais), illamento de voz (eliminando o ruído de fondo), nivelador de diálogos e moitas outras que fan desta aplicación todo un desexo cumprido para os que mercaron un iPad coa vista posta nun uso realmente profesional.
Cómpre advertir de que o novo DaVinci Resolve non é exclusivo para iPad Pro con procesadores M1 e M2, senón que tamén funciona en tabletas anteriores, aínda que en tal caso as limitacións de memoria reducen as súas prestacións , sendo a limitación máis destacable que só pode traballar con vídeo en HD.
Os proxectos creados en DaVinci Resolve para iPad son totalmente compatibles coa versión para equipos informáticos, o que permite novos fluxos de traballo que agradecerán os profesionais do vídeo. Soporta ficheiros de vídeo en formato H.264, H.265, Apple ProRes e Blackmagic RAW, así como tamén accesorios como o Magic Keyboard, o Apple Pencil e os monitores Studio Display e Pro Display XDR.
Para desbloquear todas as posibilidades da aplicación é preciso realizar o pagamento dentro da aplicación de 114,99 euros, aínda que moitas das funcionalidades están dispoñibles completamente de balde.

PUBLICIDADE