A fibra óptica de 300 Mbps de Pepephone podería custar só 34,60 euros/mes

mércores, 15 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Estes días Pepephone está a anunciar que a partires do 1 de abril desenvolverán o proceso de migración das súas liñas de ADSL da rede de Vodafone á nova rede de ADSL de MásMóvil (compañía que adquiriu Pepephone hai poucos meses), pero dende ADSLzone insisten en que esta medida chegará acompañada da oferta de fibra óptica simétrica para o ámbito doméstico, e incluso atrévense a adiantar o seu prezo.
Aseguran que en breve Pepephone, onde teña cobertura, ofrecerá fibra óptica a 300 Mbps simétricos e sen liña de telefonía fixa a un prezo de 34,60 euros, o que parece un prezo sen competencia posible, aínda que terán un importante atranco para que os usuarios se animen a contratar esta oferta, pois ten unha cota de alta de 190 euros (que poden aboarse de vez ou de xeito aprazado).
A compañía ofrecerá aos seus clientes unha versión do router ZTE ZXHN F680 con antenas internas, Wi-Fi AC, 1 porto USB 2.0, 4 tomas Gigabit Ethernet e o ONT integrado. Tamén realizarán descontos para os usuarios actuais do seu ADSL que migren á súa oferta de fibra óptica.
A oferta máis semellante á de Pepephone sería a da coruñesa Ocean’s, que por 45,90 euros/mes ofrece fibra a 300 Mbps sen liña fixa e con cota de alta de balde (aínda que si cobran 6 euros do envío do material asociado e 72,60 euros de custo de instalación) de xeito que a contratación de Pepephone compensaría no caso de depositar a confianza neles durante un mínimo de 10 meses.