A finais de abril chega Forza Horizon 5 a PS5

xoves, 27 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O anuncio de que en primavera teríamos o xogo de condución Forza Horizon 5 en PlayStation 5 foi unha noticia de impacto que confirma a intención de Microsoft de levar os seus grandes xogos a múltiples plataformas en vez de limitar a súa comercialización en consola a Xbox.
Agora, coincidindo co anuncio dunha importante actualización do xogo, detallan a data de lanzamento do título para PS5, que será o 29 de abril, e incluso abren a súa reserva premiando a compra temperá da versión Premium con acceso anticipado ao xogo a partir do 25 de abril.
A versión ordinaria de Forza Horizon 5 inclúe por 69,99 euros o xogo completo; a edición Deluxe inclúe un pase de coches (con 42 vehículos adicionais) por 89,99 euros; e a edición Premium por 99,99 euros inclúe o mencionado acceso anticipado, os vehículos anticipados, 5 expansións e outros contidos adicionais.
Un detalle a salientar é que Forza Horizon 5 para PS5 contará con xogo cruzado co resto de plataformas (aínda que non con gardado cruzado), polo que dende o primeiro día contará cunha grande base de usuarios. O título, que en PS5 permitirá escoller entre un modo de rendemento a 60 imaxes por segundo ou un modo de calidade a 30 imaxes por segundo, tamén estará optimizado para PlayStation 5 Pro (permitindo que o modo de rendemento conte con grande fidelidade visual e algúns efectos visuais adicionais grazas ao trazado de raios).

Tráiler da nova actualización de Forza Horizon 5