A galega Imatia desenvolve un sistema para o intercambio de datos dixitais entre os concellos galegos
luns, 4 de agosto do 2008
A empresa viguesa Imatia, vén de desenvolver un mecanismo para o
intercambio de procedementos dixitalizados entre administracións, de xeito que
os sistemas informatizados, creados e implementados por uns, poidan ser
empregados por outros.
Este proxecto, que se coñece como
CI+DADANS permite que se compartan tanto o código e a definición dos fluxos
como a definición completa dos procedementos (trámites, definición e asignación
de responsables, datos, formularios, documentos...).
A Consellaría de Innovación e Industria,
a través da Dirección Xeral de I+D+i concedeulle a Imatia unha axuda de 35.100
euros para o desenvolvemento do proxecto entre 2007 e 2009, no marco do
Programa de Sociedade da Información do Plan Galego de I+D+i 2006-2010
(INCITE).
Os principais destinatarios do
proxecto CI+DADANS son os concellos galegos, interesados en aforrar custos e
esforzos na implementación dos procedementos administrativos. O que propón
Imatia é un mecanismo sinxelo para incorporar procedementos xa definidos e
desenvolvidos informaticamente noutras entidades. O proceso para que as administracións
compartan estas ferramentas é, segundo os responsables do proxecto, “complexo”
por teren que pór en común os elementos de diferentes sistemas de traballo,
baseados en tecnoloxías e en estruturas organizativas diversas.
Asemade, o sistema que desenvolve
Imatia debe seguir criterios uniformes para a nomenclatura dos elementos que
comparten as diferentes administracións, de xeito que as partes comúns sexan
identificables. Dende a empresa sinalan tamén a necesidade de que o sistema
teña capacidade multiidioma, o que engade complexidade ao traballo.
O proxecto estrutúrase en dúas
fases conforme a dous obxectivos: analizar que procedementos se poden compartir
e chegar á tecnoloxía para facelo. A primeira parte está dirixida a
identificar, seleccionar e modelar un conxunto de procedementos que poidan ser
compartidos. A segunda fase da investigación, de carácter técnico, tratará de
definir formatos estandarizados.
Probas nunha rede de concellos
Para probar o funcionamento do
sistema, Imatia aproveitará a súa experiencia noutros proxectos. Na
actualidade, está a implantar un produto para a xestión de expedientes
municipais nunha rede de sete concellos que constituirá unha plataforma para
levar a cabo unha experiencia piloto de validación dos resultados obtidos en
CI+DADANS.
Se estas probas amosan que o
mecanismo de intercambio de procedementos resulta viable técnica e
economicamente, e o ámbito de aplicabilidade do mesmo é suficientemente amplo,
Imatia fará públicos os formatos, a documentación e o código fonte mediante
unha licenza de código aberto. En base aos resultados, a empresa desenvolverá
ademais un prototipo comercial para incorporalo ao seu produto CIVIDAS de
xestión de expedientes para administracións públicas.