A influencia dos smartphones e tablets nos nenos a debate

mércores, 30 de maio do 2012 Marcus Fernández

Entre os días 5 e 6 de xullo vai ter lugar en Madrid a VIII edición do Festival Internacional de Comunicación Infantil El Chupete, evento que premia cada ano os mellores traballos creativos con valores dirixidos ao público infantil en 16 categorías (entre as que non faltan a comunicación interactiva), servindo tamén como un foro de reflexión sobre os problemas e oportunidades do mercado publicitario e da comunicación infantil, que nesta ocasión destaca por abordar a influencia dos smartphones e tablets nos nenos e mozos baixo o título “Smartphones para niños y jóvenes: ¿enseñan o distraen?”.
Esta invitación ao debate sobre a influencia dos dispositivos con pantallas táctiles vén acompañada por unha serie de carteis bastante rechamantes (obra da axencia REMO) nos que podemos ver imaxes de El Greco, o rei Carlos III de Borbón ou George Washington na pantalla dun tablet que está a tocar un cativo, deformando a imaxe dun xeito gracioso.
Estamos ante un debate bastante interesante que pretende analizar unha situación moi actual, na que o 65% dos cativos entre 8 e 12 anos ten móbil, e o 38% dos mesmos ten un smartphone e accede á Rede dende o mesmo, de aí que exista unha preocupación evidente por parte dos proxenitores, que teñen que decidir ata que punto os dispositivos móbiles melloran ou non a calidade de vida dos pequenos.