A metade dos usuarios xa fan entrega do seu teléfono usado para mercar outro novo

mércores, 6 de febreiro do 2013 Redacción

Segundo un estudo feito The Phone House, a cadea independente de venda de produtos de telefonía, unha de cada dúas persoas entregan o seu móbil usado para mercar un aparello novo, e unha boa parte delas (as máis afortunadas e as que aínda non agardaron a que o paso de tempo fixera caer o valor de mercado do seu trebello) son quen de atoparlle vantaxe económica real a esta entrega. Segundo engade a dita compañía, cómpre que esteamos atentos aos beneficios do dito proceso, non só ambientais senón tamén económicos para o noso peto. De feito, non só os smarthphones de segunda man se poden pagar ben, senón tamén os móbiles máis convencionais adquiren cada vez máis valor, nalgúns casos de 300 euros. Sempre e cando, claro, non lle vaiamos á tenda cun aparello dos que había que empregar despregando antena.
Segundo datos da compañía, a valoración media dos terminais usados xa foi alén dos 65 euros. Uns consellos a ter en conta: para realizar a transacción, mellor unha empresa de confianza, e se nos dan unha cantidade polo móbil, que nos deixen empregala como mellor nos conveña: por exemplo como moeda de pago para un novo trebello.