A portabilidade de liñas móbiles acada o seu máximo en xaneiro

venres, 15 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Ganancia neta (en milleiros) de liñas de telefonía móbil no mes de xaneiro

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións publicou a súa nota mensual correspondente ao mes de xaneiro, na que destacan o alto volume de portabilidades, que é de 185.491 en liñas fixas (provocadas en boa medida pola contratación de servizos combinados de voz e datos) e bateuse un record de portabilidade móbil con 633.616 números que cambiaron de compañía. Aínda que as portabilidades foron moitas (beneficiando principalmente aos Operadores Móbiles Virtuais, que remataron o mes cun saldo neto favorable de 170.414 números), continúa a caída de número de liñas, que en xaneiro foi de 246.973, provocada principalmente polo abandono de liñas de prepagamento, o que prexudica principalmente a Movistar e Vodafone. Estas compañías perderon máis de 243 e 217 mil liñas netas cada unha respectivamente, mentres que Yoigo gañou máis de 85 mil e os OMV superaron as 179 mil liñas gañadas.
En contraste a estes resultados, a banda larga medrou en 60.393 liñas durante o mes de xaneiro, mantendo a tendencia positiva dos últimos meses, dando a impresión que é o único segmento das telecomunicacións que non acusa a crise de xeito notable. España acada así os 11,62 millóns de liñas de banda ancha, mentres que as liñas de telefonía fixa caeron ata os 18,97 millóns.

PUBLICIDADE